Friday 22 de November de 2024

A Xunta investirá máis de 93.000 euros para facer obras de mantemento e mellora en tres centros educativos de Ponteceso


O delegado territorial da Xunta visitou as obras para a instalación dun ascensor que se están realizando no CEIP Eduardo Pondal
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as obras que se están realizando no CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso de instalación dun ascensor para prestar servizo a toda a comunidade educativa e especialmente aos alumnos con mobilidade reducida. Esta actuación garantirá ós usuarios a accesibilidade a todas as plantas do centro.

O ascensor, que ten un custe de case 62.000 euros, cubre un total de catro alturas. Arranca do interior da antiga vivenda do conserxe, situada próxima á porta de acceso o recinto do centro, e dende aí discorre, nunha estrutura de formigón exterior á fachada, conectándose en todas as plantas co edificio para permitir o acceso a cada unha delas.

A esta inversión, que se está executando, se unen outras actuacións previstas para os centros educativos deste Concello. En concreto, levarase a cabo a reparación da instalación eléctrica do IES de Ponteceso cun custe de 1.515 euros. Ademais, no centro CEIP de As Forcadas repararase a zona afundida da pista polideportiva cunha achega de máis de 31.000 euros.

En total en Ponteceso a Consellería de Cultura e Educación investirá máis de 93.000 euros para facer obras de mantemento e mellora nestes 3 centros educativos.

Na comarca de Bergantiños e Costa da Morte a Xunta ten previsto facer obras en 19 centros educativos, obras nas que investirá un total de máis de 1,1 millón de euros.

Neste senso, o Delegado Territorial destacou que, “dende o Goberno Autonómico seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.