Friday 22 de November de 2024

O PP noiés aproba os Orzamentos de 2018, que ascenden a preto de 11,3 millóns de euros


Os festivos locais do próximo ano serán o 24 de xuño e o 16 de xullo
O PP de Noia, liderado polo alcalde, Santiago Freire Abeijón, deu luz verde aos Orzamentos de 2018 coa abstención dos independentes do N.O.I.A. As contas ascenden a preto de 11,3 millóns de euros e fan unha clara aposta polos investimentos, que ascenden a un total de 1.395.723,83 euros.

Segundo explicou o voceiro do PP, Julio Bustelo, “o 45% do investimento; esto é, 633.630,13 €, corresponde a dous grandes proxectos de obra que terán unha clara repercusión económica na vila, dende os puntos de vista de recuperación patrimonial, cultural, turística e comercial”. Neste senso, referiuse á “rehabilitación do antigo edificio do Casino, que se converterá no centro turístico da comarca, para o que se destinan 533.630,13 €, e a primeira anualidade da remodelación da praza de abastos, cun investimento de 100.000 €”.

Dentro deste mesmo capítulo, Bustelo salientou que “o 20% do investimento destínase a seguir mellorando o saneamento das augas”, en resposta ás reclamacións da voceira do BNG, Irati García, que acusaba ao goberno local de non destinar fondos a servizos básicos. Ademais, e en contraposición ás acusacións do edil de Marea Cidadá de Noia, Manuel Seijas, o voceiro popular explicou que “a porcentaxe restante do capítulo de investimentos permitirá executar diversas necesidades en accesibilidade, de dotación de sistemas de calefacción en edificios públicos, melloras en parques infantís ou en iluminación”.

Sobre este punto, Santiago Freire Abeijón matizou que o proxecto de rehabilitación do Casino “contempla no primeiro andar un amplo salón de actos que contará con todas as medidas de accesibilidade e que permitirá, polo menos de momento, paliar a falta de accesos na actual Casa da Cultura. Unha vez que estas obras estean rematadas, buscaremos o xeito de poder facilitar a accesibilidade para persoas de mobilidade reducida á biblioteca municipal”.

No tocante ao resto dos capítulos do orzamento, Bustelo concretou que no capítulo de persoal “se recolle un importe de 108.107,68 € para o incremento salarial recollido na Lei de Orzamentos Xerais do Estado, para o persoal do Concello”. Do mesmo xeito, fixo fincapé na “futura contratación (unha vez rematada a selección) de tres novos policías locais”, ao tempo que “se incrementa con respecto ao exercicio anterior o importe destinado á creación dun Plan de Emprego, que ascende neste exercicio a 30.000 euros”.

Tamén se incrementaron as partidas para Emerxencias Sociais e do Programa Xantar na Casa, cun 20% máis con respecto ao exercicio anterior. Tamén se destina un 13,85% máis para as axudas de comedor e transporte escolar, ademais de partidas específicas para o financiamento do programa Vacacións en Paz (3.560 euros) e outro tipo de axudas que se destinarán á realización de diversos concursos vinculados ás festas, á cultura e a deportes. O apartado de subvencións nominativas a asociacións de carácter social e clubs deportivos ascende a case 400.000 euros.

Próximos investimentos

Dende a oposición, criticaron a tardanza na presentación dos orzamentos deste ano. Sobre isto, tanto o rexedor como o voceiro do N.O.I.A., José Pérez, explicaron que esta situación se debe aos problemas de persoal existentes no Concello, que non permiten axilizar a presentación dun documento como os orzamentos. Porén, Santiago Freire salientou a “importancia de aprobar estas contas, xa que é unha condición necesaria para poder seguir desenvolvendo os principais proxectos para o municipio e que dependen de subvencións doutras administracións”.

Do mesmo xeito, o alcalde adiantou que “unha vez que os orzamentos estean aprobados, poderemos realizar os recoñecementos de crédito necesarios para destinar o remanente de tesourería do 2017 a distintas e necesarias actuacións no noso municipio”. Para este fin, o executivo noiés conta con máis de 950.000 euros.

Festivos locais

A sesión plenaria de onte deu tamén luz verde, cos votos a favor de PP, N.O.I.A. e PSOE e coa abstención de BNG e Marea Cidadá, aos festivos locais do próximo ano 2019. Serán o 24 de xuño (San Xoán) e o 16 de xullo (Día do Carme).

Mocións

No apartado de mocións, aprobouse por unanimidade unha moción do PSOE para impulsar a mellora da seguridade dos veciños e as súas propiedades. Esta proposta realizouse tras o afundimento de parte dunha vivenda na zona da Barquiña. Os propios veciños e veciñas afectadas acudiron á sesión plenaria para explicar a súa situación.

Ao respecto, Santiago Freire Abeijón explicou que “dende o Concello remitimos o oficio correspondente á Dirección xeral de Minas para que faga un estudo específico sobre esta zona na que había unha antiga mina. Ao mesmo tempo, queremos que os expertos neste eido, cos que non contamos no Concello, realicen un informe específico a partir do cal poidamos adoptar as medidas de prevención pertinentes para que non se repitan este tipo de situacións”.

Finalmente, o rexedor amosou o compromiso do seu goberno “de axilizar todos os trámites necesarios para contar con ese estudo canto antes”. Ademais, ofreceu a posibilidade aos veciños e veciñas afectados de acudir con el a unha reunión a Santiago “para explicar ao director xeral de Minas a situación” para, deste xeito, facer que tomen conciencia sobre a gravidade da situación. Intentarase compatibilizar o encontro coa visita dos técnicos á zona afectada por este afundimento do chan.

Tamén houbo consenso por parte de todos os grupos da Corporación na proposta de Marea Cidadá de Noia para a retirada das medallas de ouro concedidas a Francisco Franco Bahamonde, Fernando Suárez Tangil y Angulo e José María Rivero de Aguilar y Otero. Esta iniciativa dá cumprimento á Lei da Memoria Histórica.