Á rapazada do campamento Sementeira tocoulle o domingo piscina. Pero o ceo cuberto e a mañá máis ben fresca obrigaron ás monitoras a cambiar de plan sen perder de vista o importante: que os nenos e nenas aprendesen cousas novas pasándoo ben. Por iso, pouco despois das 11 da mañá, partía do pavillón municipal -base operativa do campamento- unha pequena expedición que percorreu os arredores da Casa do Concello á procura de follas e plantas que despois, xa na biblioteca, a cativería tivo que identificar investigando nos libros. A de hoxe foi a última sesión da quenda de xullo de Sementeira, o programa socioeducativo impulsado pola área municipal de Benestar que este mércores primeiro de agosto comeza a segunda parte do verán cun total de 29 nenas e nenos inscritos.
Durante o mes de xullo os pequenos e pequenas practicamente non tiveron un día de acougo. O punto de encontro foi o pavillón de San Ramón, onde se desenvolveron múltiples actividades relacionadas coa vida nas vilas e aldeas, pero tamén coas tradicións, coas festas e a historia de Galicia. Así, coñeceron as fazañas de María Pita, a Romaría Vikinga de Catoira, o pasado indiano de Ribadeo ou a nosa música, coa visita do grupo pontés No Cómbaro e a de Quenindiole, formado por nenos e nenas coma elas.
Outra parte das propostas de lecer educativo ocupouna o descubrimento de oficios. Pola Sementeira pasaron bombeiros, un mariño militar, expertos en tecnoloxía da asociación informática Amigus, membros da Casa do Mel de Goente… pero tamén artesás e avoas contadoras de historias dun pasado non tan lonxano. Ademais, este contacto coas profesións tamén serviu de escusa para achegarse a unha granxa leiteira ou para facer unha fornada de pan. E é que o campamento tamén saiu do seu entorno inmediato e mesmo de Moeche. De feito, un dos días todos e todas foron de excursión ao parque experimental de Sotavento, en Xermade. Alí viron xeitos alternativos e sustentables de producir enerxía, co obxectivo de fomentar entre a rapazada o respecto polo ambiente e a aprendizaxe de que só temos unha Terra e que debemos coidala para o futuro.
Sementeira é un programa concibido para axudarlles ás familias coa conciliación durante os meses do verán, co engadido de que os nenos e nenas desfruten de entretementos educativos. Maneiras de pasalo ben que non se cinguen unicamente a coñecer oficios ou outros lugares do país, senón que tamén se centran en valores -a igualdade, o respecto, etc.- e na práctica de hábitos saudables por medio do xogo, o deporte e a alimentación.
Durante o mes de xullo foron un total de 35 rapaces e rapazas os que gozaron das actividades do campamento, parte delas desenvolvidas en Soutogrande, no castelo e no local social do Pereiro. Este mércores comezará a quenda de agosto cun total de 29 inscricións, nuns casos de pequenos que continúan e, noutros, nenas e nenos que se estrean este ano en Sementeira.
O programa que lles teñen preparado as monitoras é tanto ou máis entretido e sorprendente que o do último mes. A segunda volta das actividades arrancará no castelo co concerto de Pakolas Cerdeira, o xoves descubrirán a Festa da Istoria de Ribadavia no mesmo lugar e o venres recibirán no pavillón a visita da asociación ecuestre 23 de Abril. Para a semana coñecerán a Maruxaina de Burela, practicarán distintos xogos de mesa e irán de viaxe á Mariña luguesa para ver os traballos do mar.
E así, entre obradoiros de todo tipo para aprender xogando ou para xogar aprendendo, continuará a Sementeira ata o 24 de agosto, data na que se celebrará en Soutogrande a festa de despedida dun campamento que este ano conta con 8.000 euros de subvención da Secretaría Xeral de Igualdade.