Friday 22 de November de 2024

A Xunta leva investido preto de 100.000 euros no Centro de Información á Muller de Padrón nos últimos cinco anos


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acompañado da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella visitou hoxe o CIM de Padrón

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou o CIM de Padrón onde o goberno galego leva investidos preto de 100.000 euros nos últimos 5 anos, para o seu mantemento e coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e a promoción da igualdade.

Alfonso Rueda estivo acompañado na visita polo alcalde da localidade, Antonio Fernández Angueira, e pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Coruña, Belén Do Campo. Este ano, ademais, recibiu preto de 3.000 euros para programas de sensibilización e prevención da violencia de xénero no marco das subvencións recibidas na Orde de Entidades Locais 2014.

Para o goberno galego é prioritario acadar unha igualdade real entre homes e mulleres e erradicar a lacra da violencia de xénero. Por iso, este compromiso queda refrendado un ano máis con liñas de axuda específicas tanto para os CIM coma para os concellos co fin de que desenvolvan programas de prevención da violencia de xénero e a prol da igualdade, e co incremento no orzamento do ano 2015 en máis dun 17 por cento para as axudas de Igualdade a mulleres que sofren violencia de xénero.

As axudas dos CIMs teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O CIM de Padrón actualmente conta entre o seu persoal, ademais da directora , unha psicóloga e unha avogada. No ano 2013 atenderon a 490 persoas. Este Centro conta co servizo de teletraducción en 51 idiomas, un servizo totalmente gratuíto que procura o acceso ás mulleres inmigrantes residentes en Padrón aos recursos dispoñibles, o que é esencial nos casos de trata de persoas e violencia de xénero.

Ademais, o concello de Padrón é un dos 149 concellos galegos adheridos á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, e acolleu durante o ano pasado a exposición gráfica “Cartas de Amor” composta por ilustracións gráficas de diferentes artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade. Durante o mes de decembro, o concello de Padrón vai impartir unhas das accións formativas da Rede Emprende en Igualdade, onde poderán participar ademais das mulleres padronesas, as mulleres de Rois de Dodro.