Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño inicia un novo proxecto de reparación viaria acollido ao POS Adicional 2017


A empresa José No Mantiñán e Hijos resultou adxudicataria do contrato de obra para o acondicionamento de dúas pistas municipais, unha en San Sadurniño e outra en Ferreira. O importe final quedou en algo máis de 34.000 euros, que o Concello financia con cargo ao POS Adicional 2017 promovido pola Deputación da Coruña con cargo aos seus remanentes económicos de 2016. A empresa iniciou estes días os traballos cos que se repararán preto de medio quilómetro de pista en Silvalonga e arredor de quilómetro e medio entre os lugares da Fraga e os Pontigos.

Pola distancia e polo estado que presenta a vía, a parte de maior envergadura é a que une estes dous lugares da parroquia de Ferreira. A firma especializada en obra pública fixo en primeiro lugar unha limpeza de todo o trazado para descubrir completamente a antiga plancha que soportará o novo pavimento e, durante a mañá de hoxe, os traballos continuaron co tapado de baches e outros desperfectos, máis notables nas curvas e, sobre todo, na ponte que salva o rego do fondo da parroquia.

O seguinte paso tralo saneamento da base será botar unha nova capa de rodadura a base de microaglomerado, que ofrece mellores condicións de adherencia e tamén de drenaxe da calzada.

No caso de Silvalonga trátase de reasfaltar unha pista de 480 m. pola que se serven unhas dez vivendas para saíren á estrada provincial DP-7603. Trala preparación das beiras e o atacado de baches aplicaranse tres regas asfálticas con grava fina.

O contrato para estas dúas obras publicouse a primeiros de ano cun prezo de saída de 47.941,77 euros, ive incluído. A empresa adxudicataria ofreceu encargarse dos traballos por 34.038,66 euros nun prazo máximo de dous meses que, con total seguridade, se verá reducido se as condicións do tempo axudan.

Alén destas obras en marcha, o Concello tamén tiña previsto que estivesen executándose ou xa rematadas as correspondentes a outro grande proxecto adxudicado o ano pasado a CONCIFA. Trátase do vial que une A Fraga coa antiga estrada das Pontes pasando pola Penalonga, en Igrexafeita; a pista que baixa desde a AC-862 ata Vilaverde desde O Cancelo e logo volve subir ata Brame para conectar novamente coa xeral e, por último, o reasfaltado entre a ponte da Cortiña e o camiño da Bidueda, en San Sadurniño.

Porén, tras comprobar o incumprimento por parte da empresa dos prazos de execución e das condicións de adxudicación, o Concello iniciará de inmediato o procedemento para resolver o contrato, que deberá ser licitado de novo e adaptado ás contías reflectidas no POS+2017.