Dúbidas sobre os pagamentos a dúas empresas e sobre a realización de traballos nunha finca particular por parte de empregados do Concello
O grupo municipal do PSOE de Tordoia solicítalle ao goberno local que aclare os pagamentos que diversos concelleiros do PP estarían percibindo do Concello a xeito de salario encubierto nos últimos anos. En varios casos as contías alcanzarían os 300 euros mensuais desde hai polo menos catro anos, sen que teñan o soporte de ningún acordo plenario.
O portavoz municipal dos socialistas, Carlos García, explica que xa pediu en máis dunha ocasión, por escrito e de xeito oral, información sobre estes pagamentos. O PP garda en todas as ocasións un absoluto silencio. “Cremos que é fundamental que os concelleiros do PP e o edil non adscrito se pronuncien sobre esta cuestión porque do contrario en vez de disipar dúbidas están incrementando a sospeita dunha grave irregularidade”, afirma García.
Do mesmo xeito, o PSOE tordoiés solicitou tamén a documentación que conste no Concello sobre os pagamentos a dúas empresas, ao considerar que non parece veraz que executaran todas as obras e prestaran todos os servizos polos que a Administración Local lles pagou. “Xa non é a primeira vez que rexistramos estas solicitudes e tivemos como resposta o silencio”, manifesta o portavoz dos socialistas en Tordoia.
Traballos nunha finca particular
Por outra parte, o PSOE preguntou no pleno municipal do pasado venres por que empregados do Concello colocaron postes de formigón nunha finca de propiedade privada na parroquia de Castenda. O tenente de alcalde, Amadeo Cancela, manifestou verbalmente que o persoal municipal efectuaron eses traballos a cambio dunha cesión de paso, pero en ningunha parte consta documentación algunha sobre o acordo nin sobre a valoración dos traballos. O PSOE denuncia que este tipo de prácticas veñen sendo habituais no Concello nos últimos dez anos.
Transparencia en procesos selectivos
Outra información solicitada polo grupo municipal socialista en Tordoia ao goberno local é a relativa ás contas anuais da Mancomunidade de Ordes, así como os tipos de contrato, os salarios dos empregados e o seu proceso de contratación. Carlos García sinala como moi necesaria a transparencia no ente supramunicipal para que desaparezan comportamentos aparentemente indebidos, dado que “é demasiada casualidade que nunha primeira observación atopemos que está ou estivo contratado persoal afín aos alcaldes de Tordoia, de Oroso e de Frades”.