O alcalde de San Sadurniño e o presidente do club ciclista Biela e Chaveta, Sergio Collado, asinaron este mediodía o acordo anual de colaboración entre o consistorio e a entidade de cara á promoción deste deporte no concello e a colaboración coa área municipal de Deportes naqueles eventos que organice. O importe total do convenio ascende a 1.000 euros e nel aparecen recollidos alomenos catro eventos: a marcha ciclista municipal, un obradoiro dentro do Nadal Deportivo deste ano e, os próximos, unha quedada BTT nocturna dentro dos Venres en Sansa o día 12 de outubro e, posteriormente, un segundo encontro co ciclismo todoterreo para o que aínda non hai data fixada.
O convenio suscrito con Biela e Chaveta é o terceiro que se rubrica cunha entidade deportiva do municipio, logo de facer o propio co CF San Sadurniño -9.000 €- e co CV Aldebarán -18.000- coa finalidade principal de manter as escolas de fútbol e volei e de brindarlle apoio técnico a eventos organizados pola Concellaría de Cultura e Deportes. Ademais, cómpre lembrar que o Concello tamén reserva outros 6.000 euros en subvencións concedidas en concorrencia competitiva ás que optan outros clubes do territorio que non asinan convenio. A resolución destas últimas -e tamén as correspondentes a Cultura- publicarase nos próximos días.
Segundo establece o acordo, a entidade ciclista adquire o compromiso de colaborar co Concello na organización de actividades de fomento deste deporte ao longo deste ano e, nomeadamente, a marcha celebrada no marco do Xuño Deportivo, a ruta nocturna do 12 de outubro, unha xornada de iniciación para a rapazada encadrada no Nadal Deportivo e unha quedada BTT que, previsiblemente, percorrerá as zonas máis espectaculares e enlamadas do territorio.
Para esta última aínda non se fixou data nin tampouco trazado. A que si está definida é a dos Venres en Sansa de dentro de dous meses e medio. Comezará ás 19.00h. e ofrece dúas opcións de inscrición: unha gratuíta para mocidade de entre 12 e 35 anos que deberá facerse -igual que o resto das actividades do programa- pasando pola Casa da Cultura, e outra cun prezo de 10€ sen límite máximo de idade que inclúe pinchos ao final do percorrido e unha achega de 5€ para colaborar economicamente coa Asociación Cometa. Neste caso, o da inscrición con dereito a petiscos e colaboración con Cometa, haberá que apuntarse través da web galitiming.com a partir do 10 de setembro.
A contía do convenio asinado hoxe entre Biela e Chaveta e o Concello ascende a 1.000€, que o club local poderá percibir integramente como anticipo, aínda que despois, no mes de decembro, deberá presentar as facturas xustificativas dos gastos, igual que calquera outra entidade que reciba axudas municipais.