Unha vez máis, a Festa do Percebe de Aguiño resultou un éxito con máis de 2.000 racións deste crustáceo servido na XXI edición segundo informa con satisfacción a organización da Confraría de Pescadores e Mariscadores.
A celebración, desenvolvida coma sempre no entorno da lonxa da localidade, estivo precedida pola I Regata Festa do Percebe de Aguiño, valedeira para a Liga Galega de Traíñas en categoría feminina e na que se impuxo o equipo local do Club de Remo Náutico de Riveira con tempo de 13 minutos e 47 segundos, por diante de Perillo (14’17’’), Cabo-Puebla (14’26’’), Vilaxoán (14’50’’) e Mugardos (16’02’’).
Acto seguido tivo lugar a entrega dos Percebeiros de Honra a Quico Cadaval e, a título póstumo, a quen fora cura desta parroquia Francisco Lorenzo Mariño (recollérono neste caso o seu sobriño e afillado Francisco Lorenzo e a presidente da asociación que leva o seu nome, Elvira Pisos). A entrega das distincións —con forma da serea de Sálvora— correu a cargo da conselleira do Mar Rosa Quintana, o alcalde Manuel Ruiz, o senador José Luis Torres e o patrón maior José Antonio Santamaría.
E por fin tivo lugar a apertura de portas e os numerosos asistentes puideron degustar máis de 900 kilos de percebe repartidos en racións duns 300 gramos servidas en pratos de cerámica de Buño, ademais doutros pratos tradicionais como empanada.