Friday 22 de November de 2024

O Multiúsos de Sar acollerá en decembro un concerto de Helloween, na súa xira “Pumpkins United”


Os alemáns Helloween ofrecerán un concerto no Multiúsos de Sar o 8 de decembro, dentro da súa xira de reunión Pumpkis United. O espectáculo será o segundo que acollan as instalacións deportivas na nova temporada, despois do xa anunciado de Tribalistas.

O alcalde presentou hoxe o concerto de Helloween, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por Tibe, en representación da produtora Sweet Nocturna. Martiño Noriega lembrou que “é un empeño do Goberno recuperar o Multiúsos para outro tipo de espectáculos, máis alá dos deportivos, e sobre todo en temporada baixa para atraer outro tipo de visitantes á cidade”. Nesa política encádrase este espectáculo da mítica banda alemá, “un referente para os amantes do rock e do heavy, que ofrecerá en Santiago o seu único concerto no Estado en 2018”. Será, ademais, a primeira vez na que Helloween actúen en Galicia.

Agardado regreso
A xira Pumpkins United supón a reunión de todos os integrantes de Helloween, co regreso do vocalista Michael Kiske e do guitarrista Kai Hansen, que formaban parte da banda nos seus inicios. A banda xermana é un referente do heavy metal, considerada fundadora do speed metal melódico alemán. O comezo da súa carreira remóntase a 1984, e dende entón a formación deixou o seu selo nos máis importantes festivais de metal e rock de todo o mundo, ademais de innumerables xiras por todo o Planeta. Do seu legado forman parte obras mestras con “Keeper of the seven keys”, e cos seus 15 discos de estudio e tres álbums en directo, Helloween conseguiu 14 discos de ouro e seis de platino.

As entradas para o concerto do Multiúsos de Sar xa están á venda a través da rede Ticketmaster (Fnac, Viaxes Halcón, Carrefour) e en Ataquilla.com.