Ante certas informacións que están a circular esta tarde polas redes sociais cómpre aclarar que o Concello nunca estivo implicado no asunto da conexión eléctrica das atraccións de feira das Festas de Verán: este é un tema que sempre foi abordado no ámbito das relacións entre a Comisión de Festas e a entidade a quen se lle adxudica o chan no que se instalan as devanditas atraccións.
Dito isto, a nova lei extremou por motivos de seguridade os requisitos esixidos para a concesión de subministro eléctrico, acentuando a complexidade na súa tramitación, sen que a día de hoxe se resolvese satisfactoriamente este asunto.
No ánimo de contribuír a unha solución, o Concello está disposto a asumir a elaboración do proxecto técnico imprescindible para que as atraccións poidan ter conexión eléctrica nas condicións de seguridade que esixe a lei. A partir de aí, o custe dos xeradores necesarios será algo que terán que resolver as partes directamente implicadas.