Santa Uxía de Riveira, 27 de xullo de 2018.- O Concello de Riveira informa do inicio dos traballos para a rehabilitación do antigo lavadoiro do río Artes, un dos puntos singulares do municipio que, con 28 metros de lonxitude (o maior do noso termo municipal), está situado na parroquia do mesmo nome xusto no arranque da senda fluvial executada dentro do proxecto Riveira Atlántica.
A intervención está sendo desenvolvida por Sonense de Granitos, SL, segundo unha proposta deseñada polo arquitecto compostelá Carlos Seoane, responsable tamén da multipremiada remodelación de Pedra da Ra. O importe é de 41.338 euros (IVE incluído) e conta cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta.
O lavadoiro tiña unha cuberta de fibrocemento sobre piares de formigón executada nos anos 70 que vista en perspectiva resulta inapropiada ademais de atoparse moi deteriorada.
Así e logo, a proposta elaborada por Seoane recolle a retirada de dita cuberta, algo que xa se efectuou, así como a súa estrutura de formigón para a recuperar a condición natural do lugar e do río. Neste senso, limparase o entorno do río e abastecerase de novo auga ao lavadoiro (agora seco) e a continuación se recuperará o enlousado orixinal de pedra completándoo con adoquín vello reciclado, así como a bancada orixinal de pedra con pedras de granito silvestre do Barbanza onde as labregas sentábanse e reuníanse.
Estas actuacións supoñen unha actuación directa sobre o espazo de 250 metros cadrados e unha sobre o entorno que alcanza os 1.400. O prazo de execución son tres meses.