En total disponse de 20 prazas Holanda, Reino Unido e Italia. Dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia permitirá a mellora de idiomas e a práctica laboral en empresas de distintos ámbitos e sectores
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes manterá aberto ata o vindeiro 3 de agosto o prazo de inscrición para aquelas persoas que queiran participar no Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil ‘Galeuropa’ 2018. Unha iniciativa dirixida especialmente ós que teñan entre 18 e 30 anos e estén inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, cuxo cargo vai ligado ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Poderán beneficiarse desta nova convocatoria un total de 20 mozos e mozas da comarca, a quen se lles brinda a oportunidade de aprender idiomas e realizar prácticas en empresas de distintos ámbitos e sectores durante un período de 3 meses. En total serán 100 horas mensuais destinadas ao ámbito laboral, ademais das que se programarán para a aprendizaxe do idioma. Os países aos que se poderá optar nesta ocasión serán Reino Unido (Derry) cun total de 10 prazas, ademais de Holanda (Leeuwarden) e Italia (Turín), con 5 prazas para cada destino. Cubriranse os gastos de aloxamento, manutención e transporte.
Entre outros as persoas demandantes terán que cumprir os requisitos de non ter traballado nin recibido accións educativas nin formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación. Tampouco poderán participar as persoas que resultaran beneficiarias en convocatorias anteriores do programa.
Tanto no Servizo de Emprego como no Servizo de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade de Ordes, departamentos responsables da posta en marcha e desenvolvemento do dito programa na comarca ordense, pódese tramitar a inscrición ou solicitar información, tanto no que se refire ás axudas individuais como ás outorgadas por administracións locais ou mancomunadas. Tamén se pode facer uso dos teléfonos 607642863 e 981680679, ou ben mediante o correo electrónico galeuropa@mancomunidadeordes.org.