O alcalde de San Sadurniño reuniuse este xoves na Coruña coa nova subdelegada do Goberno, Pilar López-Riobóo, para falar de varios temas do municipio que son de competencia estatal ou para os que se reclama a implicación do executivo presidido por Pedro Sánchez. Neste primeiro encontro de presentación e toma de contacto, que durou arredor de 45 minutos, Secundino García e López-Riobóo abordaron as necesidades de mellora nas infraestruturas ferroviarias, a urxente substitución da cuberta dunha parte da antiga casa consistorial e a posibilidade de que o Estado se implique economicamente no remate dos traballos de rehabilitación do castelo de Naraío.
Tal e como comentou o rexedor local, o obxectivo principal da xuntanza foi o de “manter un primeiro contacto institucional con representantes do Goberno do Estado e trasladarlle varias cuestións que son do seu ámbito competencial ou nas que poderían colaborar co Concello”.
En referencia ás competencias estatais, un dos primeiros asuntos que se trataron foi o do tren. Secundino García volveu reclamar a mellora do servizo de cercanías da liña Ferrol-Ribadeo, instando a que o Goberno “tome cartas no asunto” coa finalidade de que o novo equipo directivo de RENFE “adquira un compromiso real e serio co tren para frear o progresivo desmantelamento da infraestrutura e dos servizos ao que asistimos nos últimos anos”.
Porén, ademais desta petición que “beneficiaría a máis concellos que a San Sadurniño”, García tamén expuxo outras que gardan relación coa infraestrutura ferroviaria, como por exemplo a de que se lles dea máis ancho ás pontes que sortean a vía. “Son pontigos dos tempos en que se construíu o ferrocarril. Daquela cumprían ben coa súa función, pero hoxe son case un atranco para o tráfico. O ideal sería darlles máis ancho e tentar ampliar a súa conexión coas pistas para facilitar as manobras de vehículos lixeiros, camións e tractores”, explica García. Outra cuestión tratada foi a solicitude de cesión ao Concello da antiga vivenda do xefe de estación de Silvalonga, unha edificación “singular” á que, segundo o alcalde, “poderían dárselle outros usos trala súa rehabilitación”.
O segundo grande tema tratado na xuntanza foi o da “reparación urxente” do tellado da antiga Casa do Concello, que hoxe alberga o posto da Garda Civil e máis a Casa da Xuventude. A intención municipal é chegar a un acordo de colaboración co Ministerio do Interior para que asuma a parte correspondente dos custes de substitución da cuberta do inmoble. Cómpre lembrar que recentemente o Bispado da diocese Mondoñedo-Ferrol restaurou o tellado das instalacións conventuais e agora quedaría pendente a ala norte e leste. “Dado que lle temos cedido á Garda Civil parte do espazo, ten toda a lóxica que o Ministerio colabore nunha obra importante para todo o conxunto arquitectónico do Rosario”, sinalou García.
Implicación estatal no castelo de Naraío
Na reunión entre Secundino García e Pilar López-Riobóo tamén se tratou a posibilidade de que o Goberno central achegue finanzamento para o remate das obras de rehabilitación do castelo de Naraío. Nestes momentos hai comprometido un investimento municipal e da Deputación da Coruña próximo aos 189.000 euros, ademais do apoio da Xunta na redacción do proxecto de posta en valor da fortaleza. O alcalde lembrou que “a intervención máis importante, duns 300.000 euros” financiouse nun 75% con cargo ao 1% Cultural “durante a última lexislatura do executivo de José Luis Rodríguez Zapatero”. García apelou á continuidade do compromiso estatal con este Ben de Interese Cultural “tralo recente cambio de goberno”.
Tanto a proposta relativa ao castelo como o resto de temas tratados incorporaranse a un documento máis detallado e cuantificado desde o punto de vista económico que lle será cursado formalmente á subdelegación. Ao remate do encontro -que durou arredor de 45 minutos- Secundino García destacou “a disposición ao diálogo” e o “interese” de López Riobóo para buscar “novas vías de colaboración co Concello que nos últimos anos estiveron pechadas”.