A última fin de semana de xullo volve traernos varias actividades coas que encher o tempo libre e, ademais, moi variadas en canto a temática. Empezaremos o venres ás 21.00h. no local social de Naraío coa presentación do flashmob gravado durante o festival do Río Castro, seguiremos o sábado pola mañá coa ruta ecuestre organizada pola comisión de festas de Igrexafeita e remataremos o día coa cea que terá lugar no local social de Lamas promovida pola asociación veciñal da parroquia. O domingo o referente principal será unha nova edición do mercado local nos xardíns municipais, onde se darán cita un total de 27 postos.
Seguindo a orde de celebración atopamos que a primeira cita a temos no local social da Veiga, en Naraío, este venres ás 21.00h. Alí reuniranse as escolas municipais de gaita e pandeireta, o grupo de aprendizaxe de acordeón que asiste ás clases no local social e toda a xente que o pasado 7 de xullo participou no flashmob preparado co gallo dos 25 festivais do Río Castro. Veciñanza, visitantes, rapazada do Club Brío, Xurxo Souto, Manolo Maseda, Lola de Ribeira… e así ata sumar máis dun cento de persoas que se sumaron a unha gravación en vídeo sobre a peza escrita por Leandro Lamas e o alumnado do CPI que despois foi musicada por Roberto Grandal e o propio Maseda.
A canción “Ven ao festival” -que se puido escoitar ao vivo tamén pola noite- é un convite a participar no evento e un himno que tenta resaltar a súa esencia de romaría actualizada e encontro arredor da cultura en galego, ao que se lle unen mensaxes relacionadas coa sostenibilidade ambiental e a igualdade.
O vídeo do flashmob -de case 5 minutos- estrearase na pantalla grande do local social pouco antes das 22.00h., momento no que tamén estará dispoñible no Facebook, no Twitter e na canle de youtube da asociación veciñal O Castelo de Narahío.
Ruta cabalar por Igrexafeita e sardiñas e liscos en Lamas
A comisión de festas do Biscordel de Igrexafeita organizou para o sábado unha ruta cabalar pola parroquia co obxectivo de recadar fondos para a patroa, que se celebra a mediados de setembro. A ruta partirá ás 10.45 da mañá e culminará cun xantar popular ao que poderá asistir quen queira, participase ou non no paseo. O prezo do prato son 20€ e debe facerse a reserva antes de mañá venres chamando aos teléfonos 699 553 975 ou 679 925 075.
O punto de encontro das persoas participantes na ruta é o local social da A.VV. Adiante de Igrexafeita. Ás 10.00h. os cabaleiros e cabaleiras poderán almorzar no mesmo sitio e a hora de saída está prevista para as 10.45h. Será un paseo que percorrerá lugares de grande valor paisaxístico. A media mañá está previsto facer unha parada para repoñer forzas cuns petiscos. A comida -a base de paella, lacón asado, bebida e sobremesa- está posta para as 14.30h.
As propostas gastronómicas continuarán á noitiña en Lamas. A asociación veciñal Xuntanza de Lamas organizou para as 21.00h. unha cea a base de sardiñas, liscos, sobremesa e café cun prezo de 10€ para persoas socias e de 15€ para quen non forme parte da entidade. Hai que apuntarse mañá como moi tarde chamando aos teléfonos 637 837 541 ou 618 838 760.
Mercado local con pintura ao vivo de Leandro Lamas
E a última das citas da fin de semana lévanos o domingo pola mañá aos xardíns municipais, onde se celebra a edición de xullo do mercado local. Ao peche do prazo de inscricións confirmaron a súa asistencia un total de 27 postos: 1 viveiro, 6 expositores de produto alimentario fresco e transformado, 7 postos de artesanía e 13 de artigos de segunda man de todo tipo. O listado completo pode descargarse na ligazón que hai algo máis abaixo.
O mercado comezará sobre as 10 da mañá e durará ata ben pasadas as 14.00h. e, seguindo a liña de dinamización iniciada recentemente polo Concello, tamén contará cun pequeno apartado cultural no propio recinto. O convidado neste caso é o artista gráfico Leandro Lamas, quen pintará ao vivo un dos seus cadros a partir das 12.00h. A obra final -que estará lista sobre as 13.30h.- sortearase cerca das dúas da tarde entre todas aquelas persoas que fixesen algunha compra no mercado ao longo da mañá.