Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades informa sobre a convocatoria do programa Galeuropa 2018


Dispón de vinte prazas de prácticas non remuneradas en empresas de Holanda, Reino Unido e Italia con todos os gastos cubertos

O Concello de Frades informa sobre a convocatoria do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa por parte da Mancomunidade de Ordes. Esta iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos e consiste en desenvolver prácticas non remuneradas en empresas de países europeos de diversos sectores. O principal obxectivo é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

Galeuropa 2018 ofrece un total de vinte prazas para toda a comarca ordense: cinco en Holanda, dez no Reino Unido e cinco en Italia. As estadías teñen unha duración de dous meses e medio e as persoas que participen contan con todos os gastos de viaxe, aloxamento, manutención, seguro e preparación lingüística cubertos.

As persoas que desexen participar teñen que estar inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán preferencia as persoas empadroadas en calquera dos sete municipios pertencentes á Mancomunidade: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 3 de agosto. Para obter máis información pódese chamar aos teléfonos 981 680 679 ou 607 642 863, así como escribir ao enderezo de correo electrónico galeuropa@mancomunidadeordes.org.