Saturday 16 de November de 2024

O PSOE de Ordes insta ao Concello a habilitar prazas de aparcadoiro especiais para familias con bebés e familias numerosas


No pleno solicitarán explicacións sobre a nova sinalización da estrada autonómica entre Merelle e Cerceda, que está ocasionando incidentes
O PSOE de Ordes instará ao goberno de Ordes no vindeiro pleno municipal a habilitar praas de aparcadoiro especiais para familias numerosas ou para familias con nenos e nenas que utilicen carriños. A proposta socialista reclama que sexa a Policía Local a que efectúe un estudo previo que determine o número e emprazamento deste tipo de prazas nas diversas áreas da vila ordense.

O portavoz municipal dos socialistas, Alejandro Manteiga, explica que a medida iría acompañada da expedición dunha tarxeta que as familias terían que colocar de xeito visible no parabrisas do seu vehículo para poder utilizar tales prazas, que serían máis anchas que as convencionais para facilitar a apertura das portas e os movementos cos carriños sen molestias nin riscos.

O concelleiro indica que estas prazas, habituais en espazos como os centros comerciais, “son unha necesidade que nos fixeron chegar diversos veciños e veciñas de Ordes” porque “facilitarían a vida cotiá de xente de Ordes e de visitantes que veñen facer compras, comer ou aproveitar o seu tempo libre”. “O Concello ten que preocuparse por lograr que estas familias teñan á súa disposición estas comodidades e servizos que se atopen sempre á vangarda”, defende o PSOE de Ordes.

Incidentes na estrada de Ordes a Cerceda
Por outra parte, os socialistas pedirán nesta sesión plenaria que o Concello explique se a Xunta lle notificou os cambios de circulación establecidos na estrada entre Merelle (Ordes) e Cerceda, á altura da Bailía, e que tamén concrete se as modificacións da sinalización son un trato de favor ao tráfico rodado que se dirixe á planta de Sogama en Cerceda.

Desde que esta estrada pasou de titularidade municipal a autonómica, os cambios de sinalización introducidos levan ocasionado xa diversos incidentes de tráfico. Na intersección afectada instaláronse sinais de ‘Ceda o Paso’ para o tráfico xeral entre Ordes e Cerceda e viceversa, ademais dos vehículos procedentes da planta de Gesuga. En cambio, non ten tal indicación o tráfico que vén desde as instalacións de Sogama, pese a proceder dun vial perpendicular á estrada xeral.