Friday 22 de November de 2024

O pleno de Oroso aproba por unanimidade investir en obras os 242.000 euros do POS 2015


Urbanizarase o acceso á nova gardería, instalarase saneamento en O Barreiro e se mellorará a rede viaria municipal

O pleno municipal de Oroso aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía de relación de obras do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2015) e que suporán que un ano máis o Concello de Oroso destine integramente a obras os 242.387 euros deste plan. Incluso o Concello de Oroso fará unha achega de case 13.000 euros para a urbanización do vial de acceso á nova escola infantil de Sigüeiro, o que eleva o investimento total a 255.349 euros.

O proxecto de maior orzamento é o de urbanización do vial de acceso á nova gardería de Sigüeiro, dende a estrada provincial CP-3801, que ascende a 106.042,85 euros, dos que o Concello de Oroso achegará 12.961,41 euros. Deste xeito, a nova gardería terá unha ampla entrada propia desde a Avenida da Grabanxa e tamén unha zona de aparcadoiro espazosa. A nova gardería entrará en servizo no curso 2015-2016, terá tres unidades e contará con 41 prazas.

Así mesmo, o Concello de Oroso investirá 73.954,51 euros na mellora da rede viaria nos lugares de Burgao-Piñeiro, Castro-A Costa e A Costa (Trasmonte) e nos lugares de A Pena, Alto de Vilanova-Vilacide de Arriba e en Vilacide de Abaixo (Oroso). Tamén se inclúe a mellora da rede viaria no lugar de O Cruceiro (Oroso) por un importe de 43.351,85 euros. Finalmente, o POS 2015 contempla un investimento de 30.000 euros para a primeira fase da instalación de saneamento no lugar de O Barreiro (Sigüeiro). O pleno municipal tamén aprobou o Plan Complementario do ano 2015, no que se inclúe a mellora da rede viaria entre O Cruceiro-Os Mariñaos (Oroso) por un importe de 35.540,17 euros.

Colaboración

Os tres grupos municipais da oposición coincidiron en apoiar a necesidade de todas estas obras pero solicitaron ter unha maior participación á hora de facer a selección. O alcalde, Manuel Mirás, recolleu a proposta e afirmou que “se pode facer unha política máis participativa, pero ten que ser polas dúas partes”, polo que se comprometeu a que “antes de que remate o mandato faremos convites e veremos se o comportamento de todos os voceiros da oposición é construtivo ou non”.

A unanimidade tamén se mantivo en varios puntos da orde do día como a modificación da denominación de entidades colectivas, entidades singulares, núcleos e lugares de poboación incluídos no Padrón de Habitantes ao nomenclátor oficial; e a aprobación do regulamento e do prezo público pola prestación de servizos complementarios de educación nos centros escolares de educación infantil e primaria, é dicir, o servizo comedor escolar (no CEIP Oroso) e o “Bos Días Cole” (no CEIP Oroso e no CEIP Sigüeiro).

O servizo de “Bos Días Cole” comprende a atención, coidado e custodia dos nenos e nenas nas instalacións dos centros antes do inicio da xornada escolar, así como a prestación do servizo de almorzo para aqueles que así o soliciten. Neste caso, as tarifas son:
– Todos os días da semana con dereito a almorzo: 40 euros/mes
– Todos os días da semana sen dereito a almorzo: 30 euros/mes
– Tres días á semana con dereito a almorzo: 30 euros/mes
– Tres días á semana sen dereito a almorzo: 24 euros/mes
– Días soltos con dereito a almorzo: 4 euros.
– Días soltos sen dereito a almorzo: 3 euros.

Pola súa banda, o servizo de comedor comprende a atención, coidado e custodia dos nenos e nenas nas instalacións do CEIP de Oroso e a prestación do servizo de xantar. Neste caso, a asistencia ordinaria todos os días da semana terá un custe de 55 euros/mes, mentres que a asistencia días soltos terá un custe de 5 euros/día.

Modificación puntual do PXOM

Así mesmo, o pleno municipal aprobou inicialmente a modificación puntual número 9 do PXOM do Concello de Oroso cos votos a favor de PSOE, PP e BNG e o voto en contra do Partido Galeguista, quen xustificou o seu voto argumentando que non se estaba a cumprir a lei. Todos os grupos municipais coincidiron co alcalde Manuel Mirás en que “só se trata de corrixir erros que había na ordenanza e que non teñen nada que ver co que di o señor Siverio”. De feito, o voceiro popular, Xosé M. Balado, indicou que esta modificación “mellora sensiblemente o Plan Xeral que hai”.

Finalmente, o pleno aprobou o nomeamento do concelleiro de Ensino, Antonio Leira, como representante do Concello de Oroso no Consello Escolar do novo CEIP Oroso. A proposta foi aprobada coa abstención do Partido Popular.