A remodelación do miradoiro de Pedra da Ra vense de proclamar gañadora da primeira edición dos Premios Lledó Arquitectura Ibérica na modalidade Espazo Público.
Cómpre lembrar que eran dúas as obras situadas no municipio de Riveira que aspiraban a este galardón, ambas deseñadas por Carlos Seoane: a intervención en Pedra da Ra e a construción do Centro Social de Oleiros, que non se puido facer coa distinción na categoría Obra Nova ao recaer esta no Auditorio de Lugo.
O resto de premiados son o Museo de Colecciones Reales de Madrid (na categoría A Luz na Arquitectura), o edificio da nova sede de Norvento (Premio ao Público), a rehabilitación da casa Vicens (Rehabilitación), a Exposición Chus Burés (Interiosismo) e, como Premio Xeral, o Centro de Convìvio de Grândola.
A gala de entrega de premios terá lugar durante a fin de semana do 21 ao 23 de setembro en Fisterra. O xurado estivo integrado por profesionais de prestixio no ámbito da arquitectura e o deseño: Gonçalo Byrne, Lucas Diaz, Anna Ramos, Antonio Maroño, Patricia Muñiz, Covadonga Carrasco, Anatxu Zabalbeascoa e Juan Rodríguez. Tamén o público puido votar telemáticamente.
Lista de premiados: https://resources.premioslledoarquitectura.com
Este novo premio súmase a outras notables distincións colleitadas pola remodelación do miradoiro de Pedra da Ra como o Premio FAD de Arquitectura e o Premio COAG do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ademais de quedar finalista nos Premios ArchDaily que concede a revista dixital de arquitectura máis lida do mundo e de exhibirse na Bienal de Arquitectura de Venecia e na Bienal Internacional de Arquitectura de Argentina.