Saturday 16 de November de 2024

O Consorcio de Santiago aproba a ampliación do Museo do Pobo Galego por un importe global de 2,9 millóns de euros


Como vén sendo tradición cada 24 de xullo, coincidindo coa noite dos fogos do Apóstolo, o Consorcio de Santiago vai celebrar esta tarde a súa Comisión Executiva e Consello de Administración. Ambas xuntanzas estarán presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega.

Entre os temas que se abordarán nestas xuntanzas destaca a aprobación da ampliación do Museo do Pobo Galego nunha superficie estimada de 800 metros cadrados para acoller un novo espazo expositivo. O investimento global desta intervención, que se prolongará ata o vindeiro Ano Santo 2021, alcanza os 2.948.006,32 euros.

Vaise adecuar a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval, ao tempo que o Padroado do Museo do Pobo Galego -co apoio económico do Consorcio- comezará a traballar na musealización do futuro espazo de exposicións. Así, rehabilitarase e adaptarase esta ala, que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego.

A actuación inclúe a intervención nas fachadas do edificio e a renovación completa das cubertas. Así mesmo, procederase ao illamento térmico do inmoble, xunto á realización de labores de fontanería, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións. Substituirase toda a estrutura portante do solo que se atopa en mal estado, refaranse os forxados, colocarase un ascensor de alta capacidade e habilitaranse baños novos. Por outro lado, construiranse dúas escaleiras de comunicación vertical, que unirán todas as plantas do edificio. Desenvolverase ademais un plan de prevención antiincendios.

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase tamén da limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval.

O legado de Maside, permanentemente exposto ao público
No transcurso da xuntanza deuse conta tamén da adquisición, por parte do Consorcio, do legado do pintor Carlos Maside, por un importe global de 430.717 euros, o 50% do cal será financiado polo organismo interadministrativo e a parte restante pola Deputación da Coruña. O acordo entre ámbalas dúas institucións permitirá que as obras permanezan en Compostela, cumprindo así o desexo do artista.

As obras, ata o de agora en mans da familia, están depositadas na Fundación Granell, ata que se decida unha sede temporal ou definitiva para as mesmas. A intención das Administracións é que este legado estea permanentemente exposto ao público, dada a súa importancia e transcendencia artística pero tamén histórica, como un novo punto de atracción e dinamización cultural e turística da cidade.

O legado de Carlos Maside está integrado por 21 cadros, deles 13 son óleos sobre lenzo, 1 pastel, 3 gouache e 4 debuxos a lapis; polo que esta obra é primordial para coñecer a arte galega da primeira metade do século XX. Inclúe obras que abranguen dende 1930 ata os anos 50 onde se pode apreciar a traxectoria pictórica do artista, pois trátase de pezas de referencia do mesmo.

Carlos Maside foi unha renovador da arte galega xunto a Colmeiro, Seoane, Souto e Laxeiro; a súa obra, entendendo por tal o seu traballo artístico, polifacético, multidisciplinar e intelectual, e a súa produción, son imprescindibles para comprender o renacer da arte galega nestes anos e o avance da plástica en Galicia.

Maside pertencía a ese grupo de artistas que Seoane acuñou co nome de Vós Novos; un grupo que representaría unha actitude intelectual e artística máis crítica coa realidade política e social que a da Xeración Nós.