Saturday 16 de November de 2024

A piscina municipal de San Sadurniño bate as súas marcas de afluencia de público


Non é que esteamos tendo un verán moi alá, como se adoita dicir. Os días de calor intensa aparecen salteados entre xornadas coma a de hoxe, na que manda o neboeiro aínda que con boa temperatura. Con todo, a piscina municipal acaba de batir a súa propia marca de asistencia de público tan só un mes despois de iniciar a temporada. Segundo os datos rexistrados polo Concello, ata o momento expendéronse 3.200 entradas, o que supón triplicar os resultados do ano pasado a estas mesmas alturas do ano. Os factores deste éxito son varios: a posibilidade de gozar da área recreativa de Corrás, quizais a ansia de baños tras un inverno extralongo que comeu a primavera e tamén a estratexia comercial que está seguindo a empresa xestora da cantina para atraer máis público.

O responsable da empresa SEDEGA, Alberto Castro, leva varias temporadas encargándose da atención ás instalacións de baño, do socorrismo e dos cursos de natación que se ofertan polas mañás. Alén dos datos obxectivos que ofrecen as matrices das entradas que se entregan no Concello, el pode dar unha visión de primeira man sobre como está funcionando a piscina esta temporada. “Este ano estamos batindo todos os récords con respecto a outros anos”, asegura, engadindo que o incremento masivo de usuarios e usuarias se debe en boa medida “á remodelación que se fixo” hai agora dous anos nas instalacións anexas, dotadas con merendeiros á sombra, grellas e outro equipamento pensado para o lecer.

A información dispoñible a día de hoxe apunta a que desde mediados de xuño se venderon 3.200 entradas na piscina, 1.400 para persoas adultas e 1.800 para nenas e nenos. O número pasa de triplicar o resultado do mesmo período en 2017, cando se rexistraron arredor de 1.000 entradas. “Estamos rondando unha media 250 persoas ao día e houbo momentos en que tivemos que cortar o acceso ao vaso porque había xente de máis”, explica Castro. O coordinador xustifica a medida de limitar a entrada en intres puntuais na obriga de cumprir coa normativa, onde se sinala que “dentro da auga pode haber un máximo de 157 persoas ao mesmo tempo de maneira que haxa arredor de 2 m² de espazo por persoa”.

Outra das razóns deste éxito de afluencia tamén podería estar na xestión da cantina. E é que, ademais de funcionar como bar onde tomar un refrixerio ou petiscar algo, alí tamén é posible contratar pequenas celebracións onde o protagonismo é maioritario para a rapazada. Por 8 €/neno/a as mamás e papás poden facer alí unha festa de aniversario con merenda e entrada na piscina incluída -son 6,34€ máis 1,66€ de entrada-, nun espazo pensado para que a cativería poida correr, xogar e bañarse as veces que queira baixo a atenta mirada dos socorristas.

Iso si, cómpre ter en conta que esta opción certamente interesante non é algo que ofreza o Concello, senón que se trata dunha posibilidade máis coas que conta a cantina dentro do plan de explotación que desenvolve a empresa que a xestiona. Ademais, o acceso á piscina dos nenos e nenas faise en igualdade de condicións que outros usuarios e usuarias durante o horario de apertura das instalacións.

Cursos e abonos
Xunto cos datos de afluencia no que levamos de temporada tamén hai que falar dos abonos solicitados este ano. Son un total de 50, dos que se benefician arredor de 200 persoas. Por outra banda, as instalacións de Corrás tamén acollen outras actividades polas mañás, como por exemplo os baños da Aldea de Verán dos martes e xoves e os grupos de iniciación e perfeccionamento en natación que ocupan o vaso os luns, mércores e venres. Nos cursos participan este ano 47 nenas e nenos, practicamente o mesmo número que en 2017.

O servizo da piscina estará aberto até o 16 de setembro cun horario xeral de baños libres desde as 15.00 até as 21.00h. de luns a venres e das 12.00 ás 21.00h. durante a fin de semana e festivos.