As concelleiras de Mocidade e de Facenda, Noa Morales e María Rozas, visitaron esta mañá a horta urbana do programa Hortalíza-TE, unha das actividades escollidas pola mocidade no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide.
O programa desenvólvese desde o pasado mes de maio no Centro Xove da Almáciga e nel participan 15 mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, baixo a supervisión de Luz Eyo. A actividade entrou xa na súa segunda fase, ata o mes de agosto, na que as persoas participantes sementaron a horta e están a piques de recoller os froitos. Na primeira fase, que durou os meses de maio e xuño, adecuaron o espazo e adquiriron os materiais necesarios.
A actividade desenvólvese todos os luns de 18:00 a 20:00 horas, e ademais de impartir os contidos teóricos precisos para o traballo na horta, os mozos e mozas estanos a poñer en práctica durante este verán. A acción estenderase ata o vindeiro mes de novembro e as sesións grávanse en vídeo e difúndense a través das redes sociais co nome “Brico-hortaconsello”.
Moi boa acollida
A actividade está a ter moi boa acollida entre o alumnado participante, por ser quen de achegar unha actividade asociada ao rural en zonas urbanas. Os obxectivos pasan por dar a coñecer as técnicas de manexo ecolóxico dunha horta urbana mediante contidos teóricos e prácticos, e tamén concienciar sobre os aspectos positivos que ten o autoconsumo dos produtos hortícolas. Nesta actividade úsanse sempre produtos de tempada e foméntase a agricultura ecolóxica co uso de produtos naturais. Ademais, ata o mes de novembro haberá varias masterclass nas que se ensinarán cuestións moi prácticas para traballar a horta e para o fomento do autoconsumo.
Noa Morales sinalou que esta proposta “combina diversión e medio ambiente, xa que ofrecerá unha valiosa formación sobre como xestionar unha horta propia. En Compostela contamos ademais con numerosas hortas espalladas por todo o termo municipal que están a ser moi demandadas pola veciñanza”.
Pola súa banda, María Rozas, puxo o foco nas “numerosas actividades que se veñen desenvolvido estes anos grazas a Compostela Decide” e lembrou que foi a área de Mocidade “a que formou parte do proceso piloto do primeiro ano”. A concelleira de Facenda fixo fincapé tamén nos investimentos xa rematados “como o parque de Outeiro de Sar, o campo da festa de Marrozos ou a senda cuberta en Lamas de Abade” e recordou que o pasado venres a Xunta de Goberno adxudicou tres novos investimentos, como “as obras de accesibilidade nas Fontiñas e a mellora da iluminación nos pavillóns de Vite e Fontiñas”.
Ata o 27 de xuño
As edilas lembraron que segue aberto ata o venres 27 de xullo o prazo para apoiar propostas dos orzamentos participativos deste ano. En total foron 241 as propostas válidas presentadas pola veciñanza no proceso para o 2019. Durante este tempo, calquera persoa empadroada en Santiago de Compostela maior de 16 anos pode apoiar todas as propostas que queira que pasen á fase de votación mediante un sinxelo proceso na web decide.santiagodecompostela.gal, onde deben rexistrarse se non o fixeron en edicións anteriores.
Todas as persoas poden apoiar propostas do ámbito municipal e das festas do Apóstolo 2019. Ademais, aquelas censadas nas áreas territoriais que participan este ano poden apoiar propostas para a súa zona, e as menores de 35 anos (empadroadas ou estudantes en Santiago) poden apoiar actividades para a mocidade.