O corredor pertencente ao Club Ciclista Cambre-Caeiro aventaxou en un minuto e catro segundos ao seu compañeiro de equipo Martín Fariña
O corredor Manuel Sanpedro García, pertencente ao Club Ciclista Cambre-Caeiro, proclamouse campión do I Premio Minas de San Finx de Ciclismo, disputado esta fin de semana. O vencedor completou os aproximadamente 110 quilómetros de percorrido da proba en 3h 20’ 13’’.
O subcampión foi Martín Fariña Caamaño, do mesmo Club Ciclista Cambre-Caeiro, que entrou na meta un minuto e catro segundos despois. Fariña foi o primeiro sub21 en chegar, posto que Sanpedro pertence á categoría junior. O terceiro posto foi tamén para o junior César Pico Ferreiros, da Fundación Óscar Pereiro, a catorce segundos do subcampión. A carreira non rexistrou ningún abandono.
A proba estivo organizada polo Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo-Anova e contou coa colaboración dos Concellos polos que se desenvolveu (Lousame, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Rois, Rianxo, Boiro, Padrón, Dodro e Porto do Son), a cafetería-restaurante-museo Minas de San Finx, Abanca, Galicia Saudable, Deporte Galego, a Deputación da Coruña, Casa Benjamín e a Taberna de Angueira.
Encargáronse de dar a saída, desde as Minas de San Finx, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, a concelleira María Regenjo, e o presidente do Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo-Anova, Estanislao Vázquez. Na entrega de premios ao remate participaron o primeiro tenente de alcalde de Lousame, Ramón Martínez, a concelleira María Regenjo e o tenente de alcalde de Rois, Manuel Santos.