Monday 25 de November de 2024

A Xunta oferta en Ferrol e comarca 7 novos ciclos de FP con 118 prazas


O delegado territorial da Xunta de Galicia visitou o centro CIFP Ferrrolterra para dar a coñecer a novidades do vindeiro curso
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o centro CIFP Ferrolterra en Ferrol no que este novo curso se implantarán 6 novos ciclos, 5 na modalidade dual, que ofrecen 88 prazas en total. O representante do Goberno Autonómico explicou que este ano se ofertan nos centros de FP de Ferrol e da súa comarca 7 novos ciclos que contarán con 118 prazas.

Os novos ciclos son Instalacións de produción de calor, Mantemento de estruturas de madeira e moblaxe de embarcacións de recreo, Soldadura e caldeiraría, Deseño e amoblamento, Deseño en fabricación mecánica, Programación da produción en fabricación mecánica, e Marketing e publicidade.

Na provincia da Coruña a oferta de novos ciclos chega ata os 30 con 523 prazas. Cómpre lembrar que este ano, entre primeiro e segundo ciclo, hai máis de 51.000 matriculados en ensinanzas de FP en Galicia.

FP Dual
A oferta que tamén avanza na cidade de Ferrol e na súa área de influencia é a implantación da FP dual xa que se ofertarán 5 novos ciclos duais con 66 prazas no CIFP Ferrolterra (Soldadura e caldeiraría, Instalacións de produción de calor, Deseño en fabricación mecánica, Deseño e amoblamento e Programación da produción en fabricación mecánica)

Cómpre salientar a importante aposta pola FP dual das empresas punteiras de Galicia en sectores estratéxicos para a nosa comunidade, como é o caso de Madeira e moble, de Marítimo- pesqueira, de automoción, informática, eólica ou fabricación mecánica. Esta implicación ten resposta na implantación nesta modalidade de ciclos de grao medio e superior das familias correspondentes, 4 na familia de Madeira e moble, 2 na de Marítimo pesqueira, 6 en Transporte e mantemento de vehículos, 3 en Informática e comunicacións, 1 en Enerxía e Auga e 7 en fabricación mecánica, entre outras.

Esta oferta avanza na implantación da FP Dual, unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos. Amplíase ademais a oferta en ciclos en réxime ordinario e de adultos con importante demanda de emprego. Neste sentido cómpre sinalar que o motivo mesmo de modificar a oferta de ciclos para cada curso vén derivado da necesidade de dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.