Saturday 23 de November de 2024

A liña de acción ‘Xogar en Verde’ da campaña verdear fomenta que os eventos deportivos sexan cada vez máis sustentables


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as accións de reciclaxe nas que participaron rapaces do campus da Asociación de Fútbol Aficionado da Coruña
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fomentará que os eventos deportivos sexan cada vez máis sustentable, grazas a liña de acción Xogar en Verde. Trátase dunha iniciativa dentro da campaña Verdear é a actitude, posta en marcha pola Xunta de Galicia, co fin de afrontar os retos e valores de sustentabilidade.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou esta mañá un taller de fomento de recollida selectiva, no que participaron aos rapaces do campus da Asociación de Fútbol Aficionado da Coruña.

Mato Otero recordou que esta actividade forma parte da iniciativa Verdear é a actitude, coa que se pretende mellorar o comportamento ambiental dos galegos e converter os seus xestos e esforzos en hábitos e costumes sustentables que -a súa vez- sexan unha resposta á mitigación dos efectos do cambio climático.

Tal e como explicou a conselleira, o deporte é un vector transversal dunha enorme capacidade para propiciar boas prácticas de sustentabilidade e para aumentar a sensibilidade e conciencia ambiental en todos os sectores sociais. Indicou que a educación e a concienciación son ferramentas fundamentais para promover boas condutas e fomentar a separación e a reciclaxe do volume de residuos que se xera nos campos deportivos, principalmente envases e plásticos (contedor amarelo) e papel (contedor azul).

Grazas a esta iniciativa preténdese dotar aos asistentes e organizadores de eventos deportivos de ferramentas e mecanismos que muden o comportamento dos galegos e apoien actitudes responsables co medio ambiente, é dicir, que incorporen aos valores deportivos a sustentabilidade.

Para axudalos nesta eiva estase a elaborar un manual de boas prácticas ambientais coa descrición das accións que poidan reducir o impacto ambiental destes eventos, dirixido a organizadores e asistentes aos eventos deportivos que lles axudará a coñecer medidas que poden implantar antes, durante e despois do evento.

As guías serán distribuídas entre os diferentes sectores ao longo dos próximos meses e definirán métodos e hábitos para reducir a xeración de residuos, minimizando o uso de materiais desbotables, fomentar a reutilización dos produtos, reducir o consumo de auga, fomentar o uso do transporte público, en bicicleta ou a pé para acceder ao evento, citou Beatriz Mato como exemplo.

Para rematar, a conselleira recordou que a sustentabilidade é cousa de todos e que pequenas accións poden lograr grandes obxectivos á hora de coidar o medio ambiente.