No marco destes convenios, as federacións adquirirán equipos informáticos, mobiliario e unha ferramenta informática para facilitar a información ao sector de cara ás próximas eleccións ás confrarías de Galicia
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou convenios de colaboración co presidente da Federación Provincial de Confrarías da Coruña, Manuel Daniel Formoso, e co da de Pontevedra, Antonio Gómez Castro. A través destes convenios, a Xunta contribuirá á mellora da competitividade destas entidades con 30.000 euros.
Por unha banda, a Federación Provincial de Confrarías da Coruña disporá de 15.000 euros para reforzar a identidade das confrarías, mellorar o seu recoñecemento social e potenciar a Responsabilidade Social Corporativa.
Por outra banda, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, contará con outros 15.000 euros para a adquisición de mobiliario, equipamento informático e de telefonía para as novas dependencias da entidade. Ademais, ambas federacións adquirirán unha ferramenta informática para facilitar a información ao sector de cara ás próximas eleccións ás confrarías de Galicia.
Para o control de cada un destes convenios crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e polo presidente e o secretario de cada unha das entidades. A vixencia desta colaboración é ata o 16 de decembro de 2018.
Cabe lembrar que os convenios de colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores e coa Federación Provincial de Confrarías de Lugo, xa foran asinados con anterioridade por importe de 47.000 euros. Deles, 27.000 euros foron para a Federación Galega e 20.000 para a de Lugo.