Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame pecha o orzamento do 2017 cun superávit de máis de 213.000 euros


A alcaldesa, Teresa Villaverde, realiza “un balance moi positivo” da execución das contas
O Concello de Lousame pechou o orzamento do 2017 cun remanente de tesourería para gastos xerais de 213.363,29 euros. Así deuse conta na sesión plenaria ordinaria de xullo celebrada onte, e que comezou cun minuto de silencio na honra do ex concelleiro socialista recentemente falecido, Jesús Lago.
A alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde, realizou “un balance moi positivo” dunhas contas “que se executaron nun 86,04%”. Ademais, tal e como se indica no informe de secretaría-intervención, acadouse un “aforro neto positivo 159.400,23 euros”.
Como conclusión, “cumprimos cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e baixo nivel de endebedamento. Este positivo balance é froito da boa xestión realizada polo noso goberno”, asegurou Teresa Villaverde, quen indicou que o remanente de tesourería se poderá utilizar para “levar a cabo diverso tipo de actuacións de mellora no municipio”.
Na sesión plenaria de onte tamén se deu luz verde a dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para realizar o pago de facturas pendentes. Un deles, por un importe de 15.775 euros, realizouse con cargo ao remanente de tesourería, aplicando, deste xeito, unha modificación extraordinaria de crédito, “non afectando nin a regra de gasto, nin ao endebedamento nin ao principio de estabilidade orzamentaria”, explicou a rexedora. En ambos os dous casos, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, anunciou a abstención do seu grupo.
Na orde do día tamén estaba prevista a toma de posesión da edil de Terras de Lousame, Lucía Rodríguez Cao. Unha incorporación que non se realizou ao faltar a concelleira electa a esta sesión plenaria.