Saturday 16 de November de 2024

A música e os fogos, protagonistas do espectáculo pirotécnico e audiovisual do 24 de xullo


Proxeccións audiovisuais con efectos 3D, música, efectos lumínicos e fogos artificiais volverán protagonizar os Fogos do Apóstolo, que o Consorcio de Santiago adxudicou á empresa Acciona Producciones y Diseño. O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o espectáculo, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola xerente do Consorcio, Belén Hernández, e por Sheila Menéndez, responsable do proxecto, e Javier García, director artístico.

O alcalde explicou que os Fogos “volverán combinar as proxeccións audiovisuais con efectos 3D, música, efectos lumínicos e fogos artificiais, pero esta parte pirotécnica terá unha maior relevancia”. Martiño Noriega incidiu en que “o espectáculo do 24 de xullo é seguido desde diferentes puntos da cidade, e é positivo satisfacer a aqueles que non poden acceder ao Obradoiro”.

Nesa liña, a responsable do proxecto, Sheila Menéndez explicou que este ano “utilizaranse un total de 6.015 efectos de disparo e 366 quilos de pólvora”, fronte aos 3.000 disparos do ano pasado.

Efecto cinematográfico
O director artístico do proxecto, Javier García, explicou que a maior presenza de fogos artificiais non vai en detrimento das proxeccións audiovisuais, “porque todos os elementos estarán interrelacionados”. A principal novidade do espectáculo será, segundo apuntou, “un enfoque máis cinematográfico, que mostrará de forma moi diferente a tradición xacobea e os elementos que nunca poden faltar no relato dos Fogos”.

Javier García explicou tamén que unha das partes máis chamativas do espectáculo será “a que vai converter o Pazo de Raxoi nunha gran festa, e que contará coa presenza de Cantigas e Agarimos con música en directo”. O espectáculo da noite do 24 de xullo vai recuperar elementos propios da tradición xacobea e da cultura compostelá, e fará un percorrido histórico dende o descubrimento da tumba do Apóstolo ata a construción da cidade histórica, pasando pola presenza de Almanzor en Compostela, e pola queima da fachada pre-románica, que será “un dos momentos de maior emoción e intensidade”.

Características técnicas
O espectáculo, como é habitual, empezará ás 23:30 horas, e terá unha duración aproximada de media hora. A produción audiovisual emprega tecnoloxías de última xeración para proporcionar unha calidade superior equivalente a máis de 4 millóns de píxeles de resolución. Para iso, Acciona Producciones y Diseño empregar 9 proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 18 focos de iluminación móbiles, e 4 torres de son cunha potencia total de 50.000 watios. En canto á pirotecnia, empregaranse un total 6.015 efectos de disparo e 366 quilos de pólvora. A parte dos fogos artificiais volverá a correr a cargo da pirotecnia valenciana Ricasa.

Fogos do 31 de xullo
Xunto co espectáculo do 24 de xullo, Acciona Producciones y Diseño resultou adxudicataria dos fogos artificiais do 31 de xullo, os chamado “Fogos pequenos”, que se volverán lanzar dende o Campus Sur. Neste caso, o espectáculo terá unha duración de 18 minutos, e contará cun total de 4.984 efectos de disparo e case 444 quilos de pólvora.

Evento neutro en carbono
A empresa adxudicataria dos Fogos do Apóstolo comprometeuse a realizar un evento “neutro en carbono”. Así, Acciona calculará as emisións de CO2 derivadas do espectáculo, e compensaraas cun proxecto de enerxía limpa. Deste xeito, o balance final de emisións debe ser igual a cero.

O espectáculo dos Fogos foi licitado polo Consorcio, que adxudicou o contrato a Acciona por un orzamento de 217.314 euros.

Acto institucional O alcalde tamén se referiu hoxe ao acto institucional que se celebra cada 24 de xullo, previo aos Fogos do Apóstolo. Martiño Noriega explicou que, por mor da folga convocada polo comité de empresa do Hostal dos Reis Católicos, a recepción deste ano trasladarase ao edificio do reitorado. O alcalde agradeceu a vontade de colaboración do reitor da USC, Antonio López, para este cambio, que, por motivos de espazo, tamén obriga a substituir o tradicional concerto da Real Filharmonía de Galicia por outra actuación musical.