Saturday 16 de November de 2024

A Aula CeMIT ofrecerá en setembro un obradoiro de montaxe e manexo de drons para a rapazada


Hai 12 prazas dispoñibles e as inscricións deben formalizarse antes do 4 de agosto

Os drons están de moda. Cada vez máis sofisticados, baratos e doados de pilotar, convertéronse tanto nun entretemento coma nunha ferramenta de traballo polivalente para facer medicións, inspeccionar infraestruturas ou facer fotos e gravar vídeos espectaculares. O mundo dos RPA’S -siglas técnicas que definen estes aparellos- está expandíndose e hai unha alta demanda de aprendizaxe sobre como funcionan e como se manexan. Por este motivo, a Aula CeMIT e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia programaron para o sábado 8 de setembro unha sesión de introdución á montaxe e pilotaxe de drons dirixida a rapazada de entre 12 e 16 anos. Aínda falta bastante tempo para o obradoiro -que terá lugar no pavillón municipal- pero cómpre ir anotándose xa debido a que o prazo de inscrición remata o próximo 4 de agosto. Hai 12 prazas dispoñibles.

Para apuntarse hai que chamar aos teléfonos 616 016 793 ou 616 332 919 en horario de 9 a 15.00h. Tamén se pode solicitar máis información ou inscribirse a través do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

A actividade ten un cometido lúdico, pero tamén de aprendizaxe sobre un mundo con enorme potencial de desenvolvemento no futuro. Forma parte do programa Tech-Kids do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, que ten como obxectivos concienciar á mocidade sobre a importancia da tecnoloxía computacional na solución de problemas e tamén identificar e fomentar o talento dixital.

O obradoiro de iniciación comezará co coñecemento das distintas partes dos drons, como se montan e como son capaces de voar. Logo faranse varias prácticas de voo e, finalmente, a rapazada poderá probar a súa habilidade nun circuíto deseñado para a ocasión dentro do pavillón municipal. As razóns de elixir este espazo son a súa amplitude e o feito de que está a cuberto e, polo tanto, a resgardo do vento e da chuvia. Ademais, ao haber un teito, non é necesario cumprir as estrictas esixencias normativas da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, organismo dependente do Ministerio de Fomento que se encarga da regulamentación e vixiancia do seu cumprimento cando se voa en espazos ao aire libre.

Máis drons á semana seguinte
Na sesión de iniciación á montaxe e pilotaxe de drons poderán participar nenos e nenas de entre 12 e 16 anos. Porén, hai que lembrar que esta non será a única oportunidade que terán de entrar en contacto coas RPA’S en San Sadurniño proximamente, xa que o programa Os Venres en Sansa tamén ten preparado un taller de introdución a esta tecnoloxía para o venres 14 de setembro entre as 19.15 e as 21.15h. Ese mesmo día a mocidade tamén desfrutará de propostas de danzas urbanas, graffiti, mindfulness e preparación de cócteles e combinados sen alcol. O último dos Venres en Sansa desenvolverase o día 12 de outubro.