Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente destina 40.000 euros ao acondicionamento, mantemento e conservación do río Mero ao seu paso polo concello de Cambre


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o alcalde de Cambre asinaron esta mañá o convenio de colaboración pola que se executarán os traballos para conseguir un bo estado ecolóxico dos recursos naturais
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que Augas de Galicia destina 40.000 euros para os traballos de acondicionamento, mantemento e conservación do río Mero ao seu paso por este municipio da provincia da Coruña.

Mato Otero destacou a importancia de levar a cabo esta actuación, por canto axudarán a conseguir o seu bo estado ecolóxico e compatibilizar a xestión dos recursos naturais coa salvagarda da calidade das masas de auga e dos ecosistemas acuáticos.

Os traballos consistirán na roza con medios mecánicos, na talla e retirada de exemplares en ma estado e da roza nas zonas de ribeira, ou a reparación do firme ordinario en camiños de terras. Os traballos serán licitados polo Concello de Cambre e Augas de Galicia cofinanciará as obras por un importe de 40.000 euros.

A conselleira e o alcalde destacaron que as características ambientais e paisaxísticas do río Mero, o seu patrimonio hidráulico (presas de pedra, pontes, muíños), o seu enorme interese ecolóxico pola biodiversidade que proporcionan ao entorno, fan necesario colaborar para manter o entorno fluvial nun adecuado nivel de conservación.