A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 recollerá un apartado específico para avanzar na redución e erradicación dos plásticos
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, defendeu a necesidade de potenciar a colaboración social na tarefa coral de evitar a plastificación do planeta e, deste xeito, evitar o deterioro do medio ambiente. Esta foi unha das conclusións que trasladou esta mañá durante a súa intervención na clausurará dunha xornada sobre o consumo de bolsas de plásticos, organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña.
A conselleira destacou que unha posible solución a este proceso de degradación ten que partir do esforzo conxunto e individual de cada persoa. Recordou que o Real Decreto de Redución de Bolsas de Plástico obriga á sociedade a modificar os hábitos, polo que se trata dunha tarefa común de toda a humanidade para frear o deterioro do medio ambiente.
Indicou que o feito de ter que pagar por cada bolsa de plástico non é a solución definitiva, pero é un xesto de transición suave de cara ao obxectivo final, como é a desaparición deste material como elemento de uso cotián.
A conselleira de Medio Ambiente lembrou que a Xunta xa se puxo a traballar para sumar e avanzar cara a economía circular, grazas a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, que fixará liñas de actuación para loitar contra o cambio climático, entre as que se incluirá un apartado específico dedicada a avanzar na redución e erradicación dos plásticos.
Mato Otero explicou que a sociedade debe ser consciente de que o futuro pasa por converter os residuos en recursos, fomentando a economía circular baseado no principio da multierre: rexeitar, reducir, reutilizar, reparar, ou reciclar e as que se poden engadir moitos outros conceptos. Defendeu que é a hora de actuar para chegar ao 55% de material plástico reciclado en 2025, é dicir, duplicar a taxa actual de reciclaxe de residuos plásticos en Europa, situada no 25%.
Alertou que, de non mudar certas condutas, se está a contribuír a que os residuos plásticos rematen no lugar equivocado, como nunha das despensas dos galegos: o mar; onde só fai falta un segundo para arroxar unha bolsa de plástico e catro séculos para que o mar a dixira.
A conselleira afirmou que a erradicación dos residuos mariños é un dos maiores retos ambientais aos que debe facer fronte o conxunto da sociedade, sobre todo tendo en conta que o 80% dos residuos mariños proceden da terra.
Engadiu que as persoas teñen que ser conscientes do perigo e dano que provocan este tipo de xestos, como o feito de que os residuos plásticos no mar matan ao ano a unhas 10.000 aves, baleas e tartarugas; ou que tres de cada cinco especies mariñas teñen algún resto de material plástico no seu intestino, que en consecuencia entra na cadea alimentaria do ser humano.