A saída será ás 16:00 horas e percorrerán os municipios de Lousame, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Rois, Rianxo, Boiro, Padrón, Dodro e Porto do Son
Preto dun centenar de deportistas competirán o vindeiro sábado 21 de xullo no I Premio Minas de San Finx de Ciclismo. A proba foi presentada este mediodía nun acto no que participaron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Deportes de Lousame, María Requeijo; o tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; o presidente do Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo – Anova, Estanislao Vázquez Rey; o director deportivo desta entidade, Suso Blanco Villar; o seu tesoureiro, Manuel Montenegro; e o responsable da cantina-restaurante das Minas de San Finx, Cipriano Neo, lugar onde tivo lugar a presentación da proba.
Este premio ciclista, para categorías sub 21 e júnior, dará a saída ás 16:00 horas desde as Minas de San Finx, emprazamento tamén para a meta. O percorrido é de 110 quilómetros de longo, cun itinerario polos municipios de Lousame, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Rois, Rianxo, Boiro, Padrón, Dodro e Porto do Son.
En concreto, os corredores pasarán por Berrimes, Quintáns de Berrimes, Noia, Taramancos, Portosín, Porto do Son, Xuño, Carballosa, Oleiros, Cruce da Curota, Polígono da Tomada, A Pobra do Caramiñal, Escarabote, Boiro, Taragoña, Bures, Alto de Bexo, Lestrobe, Padrón, Rois, Augasantas, O Martelo, San Xusto, Portobravo, Aldeagrande de Lousame e Minas de San Finx.
Vontade de que a proba medre
A alcaldesa de Lousame ofreceu o apoio do Concello para que esta proba continúe celebrándose. Teresa Villaverde pediu a colaboración de veciñanza e do público coa organización da proba. Un dos aspectos nos que incidiu a rexedora é a necesidade de estacionar nos espazos habilitados, aínda que estean a certa distancia da ruta ciclista. “San Finx é un lugar ao que se chega e do que se sae polo mesmo lugar –explicou Villaverde- polo que se todos atendemos as indicacións da organización evitaremos calquera incidencia”.
O presidente do Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo – Anova, Estanislao Vázquez, manifestou que o Premio Minas de San Finx “nace con vontade de ser unha gran proba que vaia a máis ano tras ano”. Vázquez Rey sinalou que a participación prevista rondará os cen corredores de diversos clubes de Galicia, Asturias ou Portugal, se ben advertiu de que o prazo de inscrición segue aberto ata as 15:00 horas do mesmo día da proba.
Suso Blanco Villar, director deportivo do Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo – Anova, afirmou que se trata “dunha proba de moita repercusión para a zona” e destacou as cualidades do trazado deseñado porque “resultará moi vistoso para as persoas afeccionadas e moi duro para os ciclistas”.
No desenvolvemento do I Premio Minas San Finx de Ciclismo participan o Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo – Anova, os Concellos de Lousame, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Noia, Rois, Rianxo, Boiro, Padrón, Dodro e Porto do Son, a cafetería-restaurante-museo Minas de San Finx, Abanca, Galicia Saudable, Deporte Galego, a Deputación da Coruña, Casa Benjamín e a Taberna de Angueira.