Veciños do Camiño Arriba e Igrexafeita visitan Tomiño para ver como xestionan alí a auga
Varios veciños de Igrexafeita e O Camiño Arriba achegáronse este sábado ao concello pontevedrés de Tomiño para coñeceren de primeira man o modelo de abastecemento de auga potable que se ten implantado no municipio, baseado en modernas traídas comunitarias que contaron para o seu desenvolvemento con apoio público. A visita -organizada polo Concello- serviu para ver os sistemas de captación e potabilización existentes en distintos núcleos, todos eles xestionados pola propia veciñanza, co obxectivo de trasladar a experiencia a dous puntos de San Sadurniño onde existen problemas de abastecemento e de calidade da auga.
Nas últimas asembleas dos orzamentos participativos, e a raíz da seca do ano pasado, a auga foi un tema recorrente tanto na xuntanza do Camiño Arriba coma na de Igrexafeita. No primeiro lugar os veciños e veciñas alertaron dos problemas que empezaba a haber nesas condicións para que as vivendas dispuxesen de auga en abundancia, mentres que no caso de Igrexafeita o problema de fondo non é tanto a falla de auga como a súa excesiva mineralización ao longo de todo o cordal do Camiño Grande.
En resposta a esta situación, o Concello puxo enriba da mesa unha oferta de colaboración coa veciñanza de cara a buscar un sistema que lles asegure auga en cantidade e calidade. E, dada a imposibilidade de levar ata alí a rede municipal, un modelo que podería adaptárselles ben é o do municipio de Tomiño.
Alí a veciñanza constituíu comunidades para tecer redes propias de abastecemento e o Concello habilitou unha liña de axudas para colaborar economicamente na construción de captacións e peches axeitados, así como para a instalación de sistemas de filtrado, depósitos e conducións con capacidade suficiente para atender a demanda de cada lugar.
A filosofía non se diferenza moito do que se fixo aquí toda a vida, só que no caso de Tomiño a cousa é máis moderna -anque tamén moi sinxela- e funciona a partir da concepción da auga “como un ben común que é limitado e que se xestiona mellor entre todos e todas, non facendo cada un o seu pozo ou traída particular”, explica Secundino García, quen acompañou na visita á expedición do Camiño Arriba e Igrexafeita.
Durante a xornada do sábado puideron verse distintas experiencias co común denominador de cargar boa parte do investimento no acondicionamento dos puntos de captación. “Vimos instalacións que cobren as fontes para protexelas de axentes externos. Tamén nos explicaron que alí non collen a auga onde aflora, senón que cavan ata chegar á rocha nai para garantir a máxima pureza e limpeza do que despois vai aos depósitos e repartidores. Teñen auga suficiente e de excelente calidade que chega aos filtros practicamente libre de impurezas”, comenta o alcalde.
Son os propios veciños e veciñas das comunidades -integradas case todas na entidade sen ánimo de lucro COXAPO Galicia- quen se encargan de xestionar as redes, xa sexa establecendo quendas ou subcontratando o mantemento. “Iso é algo que en cada zona se fai dunha maneira distinta”, puntualiza Secundino García, “en cada sitio elixen o que mellor lles vai, hai comunidades pequenas que funcionan sen necesitar case mantemento, só facendo revisións e limpezas anuais, e hai outras que abastecen a decenas de casas onde as comunidades estipulan unha cota e un prezo por consumo, igual que nunha traída municipal, sendo xente da propia comunidade ou pequenos autónomos quen se encargan de que a rede funcione perfectamente”.
Este xeito de funcionar podería trasladarse, segundo o alcalde, “a zonas de San Sadurniño que non dispoñen de abastecemento público ou que, como pasa no Camiño Arriba e parte de Igrexafeita, que teñen problemas coas traídas particulares por falla de caudal ou por mala calidade da auga”. Neste sentido, desde o Concello estudarase esa posibilidade preparando dúas memorias valoradas sobre os custes das infraestruturas de captación e condución da auga coa finalidade de impulsar dous proxectos piloto “que permitan saber a viabilidade que tería aquí un sistema que noutros lugares como Tomiño ou Abegondo xa demostrou a súa efectividade e que, ademais, implica un uso moito máis sustentable da auga”.