Trátase dos CEIP A Ramallosa (Teo), CEIP Felipe de Castro (Noia), CPI Ramón Piñeiro (Láncara), CEIP Luís Pimentel (Lugo), CPI Terras de Maside (Maside), CIFP Portovello (Ourense), CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa)
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará a cabo unha rehabilitación enerxética e integral completa en oito centros escolares de Galicia -a razón de dous por provincia- no vindeiro ano 2019, unha actuación que suporá un investimento total de arredor de catro millóns de euros.
Os centros obxecto desta actuación son o CEIP A Ramallosa (Teo), o CEIP Felipe de Castro (Noia), o CPI Ramón Piñeiro (Láncara), o CEIP Luís Pimentel (Lugo), o CPI Terras de Maside (Maside), o CIFP Portovello (Ourense), o CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e o CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa).
Deste xeito, o departamento que dirixe Román Rodríguez, continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer unha maior confortabilidade aos seus usuarios á vez que acadar un aforro nos custes de mantemento dos edificios; unha acción que se enmarca no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas posto en marcha en 2016, e que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de euros ata 2020.
En todos os casos, os traballos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) dos centros, que xeralmente abranguen actuacións específicas en cubertas e fachadas (illamentos), carpinterías (substitución por outras con rotura de ponte térmico), luminarias (substitución por equipos de alta eficiencia enerxética) e outros elementos das instalacións. Estas actuacións complementaranse con outras como o pintado de aularios ou posibles melloras funcionais segundo o establecido nos proxectos técnicos, así como melloras estéticas e funcionais coa incorporación dunha imaxe corporativa única a través da gama de cores empregados nas aulas así como en todos os elementos identificativos e sinaléctica dos centros.
Ademais, desde o ano pasado, a Consellería colabora co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) na selección de arquitectos novos para participar nestes proxectos, co que se busca tamén fomentar a empregabilidade deste sector da poboación.
Segundo as previsións que manexa a Consellería, de aquí a outono procederase á redacción de cada un dos proxectos, coa intención de que o proceso de licitación e adxudicación de obras estea rematado arredor do vindeiro xuño co fin de que os traballos físicos se realicen durante a tempada estival aproveitando que non hai actividade nas aulas.
Balance 2016-2018
Desde que se puxo en marcha esta acción, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares (todos eles foron construídos hai décadas) ao longo de tres anos.
De feito, no presente ano estanse acometendo obras deste tipo nos CPI do Feal (Narón), no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), no CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), no CEP Luís Tobío (Viveiro), no CEIP Plurilingüe de Ribadavia, no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña) e no CEIP Pena de Francia (Mos). Todas as obras deste ano, que absorben un orzamento de 4,5 millóns de euros, están xa iniciadas ou a piques de comezar nas vindeiras semanas.
Aposta polo medio ambiente
Con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas. Non en balde, no 2016 e 2017 executáronse actuacións de eficiencia en 18 centros, que consistiron basicamente en accións de mellora do illamento térmico, substitución de ventás e colocación de luminarias de alta eficiencia enerxética, por un importe de 8,25 millóns de euros.
Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético – e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. De feito, as actuacións realizadas entre 2016 e 2018 supoñen un aforro en termos enerxéticos de 6,5 millóns de kw/hora anuais. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.