Avánzase así nos trámites necesarios para executar a conexión entre a N-VI e a autoestrada, na que o Goberno galego investirá 35 millóns de euros co obxectivo de completar a funcionalidade desta infraestrutura clave para a área da Coruña
A Xunta de Galicia vén de licitar o contrato de xestión das expropiacións necesarias para construír a prolongación da Vía Ártabra ata a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, como paso previo á contratación das obras.
Este concurso público de servizos está xa aberto na Plataforma de Contratos de Galicia por un importe de 68.395,48 euros, establecendo o vindeiro día 27 de xullo como data límite para a presentación de ofertas.
Avánzase así nos trámites necesarios para executar a conexión entre a N-VI e a autoestrada, na que o Goberno galego investirá 35 millóns de euros co obxectivo de completar a funcionalidade desta infraestrutura clave para a área da Coruña.
A Xunta decidiu anticipar a licitación do servizo de expropiacións co obxectivo de dispor dos terreos necesarios para a execución das obras no momento en que se asine o contrato das mesmas, evitando así demora.
Actualmente, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está á espera de que o Ministerio de Fomento emita o seu informe sobre o proxecto, que afecta a dúas estradas de titularidade estatal, a N-VI e a AP-9, entre as que discorre este novo treito da Vía Ártabra.
Ese trámite dependente da Administración xeral do Estado é preceptivo para que o Goberno galego poida iniciar a contratación das obras, que se está a ver retrasada.
As expropiacións que se xestionarán a través do contrato que se vén de licitar supoñen unha ocupación de 270.060,51 m2 repartidos en 244 fincas nos concellos de Cambre, Oleiros e Sada, aos que hai que engadir 29.978,37 m2 de expropiación temporal que se ocuparán para a execución das obras e á súa finalización se devolverán aos seus propietarios. Ademais, ocuparanse 23.724,25 m2 como servidumes de redes de servicios que se deben recolocar. O custo estimado das expropiacións é de máis de 1,5 millóns de euros.