O Multiúsos de Sar será escenario o 26 de outubro dun dos tres concertos que Tribalistas ofrecerá en España dentro da súa xira europea. O espectáculo suporá o regreso dese espazo ao circuíto dos grandes eventos musicais, unha liña de traballo que o Goberno local vén impulsando dende hai meses. O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe o concerto, nunha rolda de prensa na que tamén participaron os representantes das empresas promotoras: Vítor Belho, de Nordesía Produccións, e Mercedes Pérez Sanjurjo, de Nalgures Produccións.
O alcalde explicou que o Goberno “leva meses traballando para que o Multiúsos de Sar volva ao circuíto dos grandes eventos, máis alá das competicións deportivas que acolle de xeito ordinario”. Martiño Noriega lembrou que as instalacións acollerán no mes de setembro a celebración da Súpercopa de España de Baloncesto, e avanzou que “a intención é que se sucedan os grandes concertos nos últimos meses deste ano, co Concello como patrocinador e en colaboración con diferentes promotoras”. O alcalde incidiu na importancia de “impulsar este tipo de eventos nos meses da temporada baixa, porque poden contribuír a outro dos grandes retos que ten Compostela, que é o da desestacionalización turística”.
O primeiro concerto nesta nova etapa que o Concello pretende abrir no Multiúsos de Sar estará protagonizado por Tribalistas. O trío formado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown vai iniciar unha xira de trece concertos por Europa, “un ano despois de volver xuntarse e quince anos despois de venderen tres millóns de discos”. En España teñen anunciada a súa presenza en concertos en Madrid, Barcelona e Santiago. O director de Nordesía Produccións, Vítor Belho, mostrouse convencido de que “estamos de noraboa en Compostela, por volver acoller un concerto singular que nos permite dar a coñecer a diversidade musical e a artistas que son moi interesantes, que triunfan polo mundo enteiro, e que por riba se expresan en galego”
Tribalistas
A música de Tribalistas tivo alcance mundial, e alá por 2003 medio planeta cantaruxaba o tema “Ja sei namorar”. A xuntanza excepcional de tres grandes como Monte, Antunes e Brown xurdiu de casualidade logo de que Marisa fose colaborar no disco de Arnaldo do que Carlinhos era produtor. Alí saltou a chispa, que só deu como froito un disco homónimo publicado en 2002. Nunca se presentaron e nunca fixeron unha xira grande, pero venderon máis de tres millóns de discos en todo o mundo e tiveron cinco nomeamentos aos Grammy Latinos.
No pasado verán publicaron este agardadísimo segundo disco, sen título coma o primeiro, publicado por Universal Music e en plataformas dixitais por Altafonte. Nel tamén participa en tres temas a cantora portuguesa Carminho. A xira de presentación comeza o 28 de xullo en Brasil, onde están previstos oito concertos. Despois, Tribalistas viaxarán a Europa para visitar, ademais de Compostela, Lisboa, Porto, Barcelona, Madrid, Londres, Hamburgo, Basilea, París, Milán e Roma.
Nesta xira tamén tocarán temas do seu primeiro disco, que se converteron en hits a nivel mundial, como “Passe em casa”, “Velha infância” ou “Já sei namorar”. O espectáculo está dirixido por eles mesmos, xunto con Leonardo Netto. Forman parte da banda Dadi Carvalho (baixo, guitarra eléctrica, mandolina e teclados), Pedro Baby (guitarra acústica e eléctrica), Pretinho da Serrinha (cavaquinho) e Marcelo Costa (percusións).