O programa socioeducativo Aldea de Verán elixe todos os anos un tema principal que guiará a maior parte das actividades da rapazada. Nesta edición ese fío condutor está sendo a arte e a expresión corporal, co obxectivo de que as nenas e nenos potencien a súa creatividade a través do descubrimento do cine, a escultura, a arquitectura, a pintura, a literatura, a danza e a música. Hoxe achegáronse até a Casa do Concello para visitaren a exposición de acuarelas do pintor Antón Meizoso. Das explicacións encargouse a monitora Noemí Lorenzo quen, ademais, é tamén unha reputada artista plástica que tamén pasou hai uns meses pola galería municipal.
Lorenzo foi contándolles ás cativas e cativos en que consiste a pintura á acuarela e cal é a dificultade que entraña a técnica, debido precisamente á base acuosa das tinturas que logo se aplican nunha superficie absorbente. Porén, a monitora tamén aproveitou para falarlles da composición, das combinacións de cores e de como a distribución cromática sobre un lenzo ou un papel poden suxerirlle distintas sensacións e emocións a quen mira o cadro rematado.
A pintura de Antón Meizoso -que se pode admirar ata fin de mes- ten moito de figurativa e non é apta para aquelas olladas que agardan ver realismo, como por exemplo o doutros autores que tamén pasaron polo pazo como Manuel Carballeira.
O artista da Capela manexa con precisión pinceis que semellan tinguir o papel ao chou, creando con eles retratos, corpos e escenas cotiás que cómpre desentrañar da maraña de liñas e golpes de cor. Algo que para a xente adulta -que xa ten a mirada perfectamente educada- resulta un tanto difícil, pero que para a rapazada resulta tarefa ben doada precisamente por iso, porque son esponxas de todo o visual e porque a súa ollada non atende nin a convencións artísticas nin tampouco a prexuízos. Os nenos e nenas, miran e interpretan como lles parece, non teñen reparo en dicir se lles gusta ou non lles gusta o cadro, e incluso son capaces de tirar significados do que ven. Contidos ocultos na pintura que, quizais, formasen parte desde a infancia do subconsciente do artista e que este trasladou á obra sen darse conta.
Así, a cativería interpretou coma un cabalo a figura dun ser humano, atopou paisaxes onde semellaba haber trazos inconexos e desvelou outros detalles filtrados pola súa incansable e inacabable imaxinación. E é que a Aldea de Verán, ademais de entreter e educar, tamén ten como finalidade axudar a desenvolver as capacidades de todo tipo dos nenos e nenas e fomentar a súa expresión. De aí que a visita de hoxe se acompañará cunha sesión de pintura inspirada pola arte de Meizoso e clase maxistral de Noemí Lorenzo.
Últimos días para solicitar praza na quenda de agosto do campamento
A Aldea de Verán ten un cupo máximo de 45 prazas para a súa quenda de agosto, aínda que cómpre ter en conta que as familias empadroadas no concello tiveron a posibilidade de facer a reserva para a segunda parte do programa no momento de solicitar a inscrición para a quenda de xullo. De feito, hai xa 28 prazas reservadas, polo que, en principio -e dependendo de que se confirmen todas elas- para agosto habería dispoñibles alomenos 17 vacantes.
A documentación está dispoñible nas ligazóns ao pé desta nova e haberá que presentala, como moi tarde, o día 16 de xullo. Os criterios de asignación de prazas son os mesmos que para a primeira quenda e iranse cubrindo por orde de solicitude dándolle prioridade ás familias empadroadas no concello. Se hai vacantes ocuparanse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño e, en último caso, con pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño ou rapazada matriculada na EIM A Rolada.
O programa Aldea de Verán busca ofrecerlle á rapazada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións estivais, ao tempo que lles axuda ás familias a combinar traballo e coidado dos nenos e nenas neses dous meses en que están na casa. O horario global das actividades é de 8.30 a 14.30 horas de luns a venres dividido en dúas veces: unha de 8.30 a 10 e outra de 10 a 14.30 horas.