Friday 22 de November de 2024

O Pleno aproba por unanimidade a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social do Concello de Boqueixón


Luz verde a unha moción para solicitar á Real Academia Galega que adique o Día das Letras Galegas 2020 ao escritor boqueixanés Anxo Adolfo Rei Ballesteros

O Pleno aprobou onte por unanimidade a ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social do Concello de Boqueixón. Este regulamento pretende, como se explica no propio documento, “garantir á cidadanía a cobertura das necesidades básicas” e está destinado a persoas ou familias empadroadas e residentes no municipio.

Así, a nova ordenanza establece en 1.000 euros o importe máximo anual a conceder polo conxunto de axudas solicitadas, agás en circusntancias excepcionais avaliadas técnicamente. O alcalde, Manuel Fernández Munín, valorou moi positivamente a posta en marcha desta ordenanza, xa que permitirá “dar resposta a aquelas persoas ou familias que se atopen en situacións de necesidade sobrevidas e transitorias ocasionadas por gastos de carácter extraordinario e urxentes”.

O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón, Xabier Canabal, amosou a súa satisfacción pola aprobación desta ordenanza, ao tempo que solicitou que se “estableza un fondo para crear unha renda municipal básica para aquelas persoas que, por exemplo, están no proceso de solicitar a RISGA”.

Modificacións en proxectos

Tamén na sesión ordinaria de onte deuse luz verde a varias modificacións orzamentarias nos proxectos de 5 obras. As tres primeiras foron aprobadas por unanimidade a través dunha modificación orzamentaria. En total, sumáronse 24.656,98 euros divididos en tres proxectos:
• Arranxo das piscinas: incluíuse a mellora do vaso da piscina infantil, que non estaba contemplada no proxecto orixinal, por un importe de 2.184,57 euros (IVE incluído).
• Acondicionamento do campo da feira de Lestedo: para este proxecto tense que destinar unha partida de 20.000 euros, que se sumarán aos 30.000 outorgados pola Dirección Xeral da Administración Local.
• Acondicionamento do centro socio comunitario de Sergude – Boqueixón: o Concello consigna unha partida de 2.467,41 euros a maiores dos 200.000 € aportados polo Consorcio Galego de servizos de igualdade e benestar (a repartir en dúas anualidades).

A maiores, incrementouse a partida para a execución do Plan POS+Adicional 1/2018. Neste caso, a Deputación da Coruña incrementou a 145.050,12 euros o orzamento para a execución da obra Camiño de Ledesma a Codeso (que tiña un importe de 137.797,61 euros). Segundo explicou Manuel Fernández Munín, “este aumento de presuposto servirá para aumentar os abanicos nos cruces e os entronques coas pistas, ademais de aplicar o aglomerado a esta pista en preto de 3 quilómetros de lonxitude”.

Pechando o capítulo de obras, o grupo de goberno sacou adiante a modificación do proxecto do POS+2018 do aglomerado entre Vigo e Carabán, toda vez que Patrimonio obriga a non aglomerar no entorno dun castro localizado na zona. Aproveitarase esta carencia “para poñer un aglomerado máis gordo en toda esta pista”, explicou o alcalde de Boqueixón.

Día das Letras Galegas para Rei Ballesteros

Dende o PP de Boqueixón presentaron unha moción, aprobada por unanimidade, para solicitar á Real Academia Galega que se adique o Día das Letras Galegas do 2020 a Anxo Adolfo Rei Ballesteros. En verbas de Manuel Fernández Munín, “este escritor, nado en Codeso, foi o iniciador da novela galega contemporánea e marcou a fronteira entre a literatura do franquismo e a nova literatura. Este outubro cúmprense os dez anos preceptivos desde o seu falecemento para optar a ser recoñecido como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, polo que consideramos que é un acto de xustiza solicitar á Real Academia Galega a homenaxe a este creador nativo de Boqueixón”, concluiu o rexedor.

O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón felicitou ao grupo de goberno por presentar esta proposta e suxeriu que se remitise tamén aos distintos académicos. “Así tamén poderán ter coñecemento da importancia deste escritor que merece este recoñecemento”, indicou Xabier Canabal.

Renuncia de Perfecto Barcala

A sesión plenaria de onte finalizou coa formalización da renuncia do concelleiro de Veciñ@s de Boqueixón Perfecto Barcala Mosquera. “Transcorridos xa máis de 9 anos como concelleiro da Corporación Municipal, penso que chegou o momento de retirarme do meu cargo para dar paso á xente máis nova”, indicou no seu escrito de renuncia.

Dende o equipo de goberno agradeceron o traballo desenvolvido por Perfecto Barcala durante todos estes anos na Corporación Municipal, a quen lle desexaron a mellor das sortes nesta nova etapa. Perfecto Barcala Mosquera será substituído por Iván Eirís Castro.