Thursday 21 de November de 2024

O Observatorio da Nova Diáspora Galega, ONDA, bota a andar ao abeiro das festas do Apóstolo


O Centro Cívico do Romaño acollerá os días 20, 21 e 22 de xullo, no marco das festas do Apóstolo, o programa ONDA, o Observatorio da Nova Diáspora. Trátase dun proxecto que pretende “dar a coñecer e poñer en valor o traballo dos creadores e creadoras galegas que viven fora de Galicia, dándolles voz aos/ás novos/as emigrantes”.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe o programa ONDA, acompañada polo coordinador do proxecto, Pepe Sendón. A concelleira lembrou que “Galicia é unha terra de emigrantes, a emigración forma parte da nosa identidade e rexorde cada vez que nos enfrontamos a unha crise, como na actualidade”. Branca Novoneyra apuntou que “os emigrantes de hoxe manteñen o contacto co país, grazas ás novas tecnoloxías, pero seguen sen ter voz máis alá de espazos puntuais”. O obxectivo do Observatorio da Nova Diáspora é “mostrar cales son as redes que tecen as persoas migrantes, como se organizan, e poñer en valor as artes que crean desde a diáspora.

Propagación de ONDA
O programa arrincará o venres 20 cunha xornada bautizada como “Propagación de ONDA” que comezará co acto de inauguración ás 12:00 horas. Despois celebrarase unha sesión vermú, para continuar pola tarde cos primeiros Faladoiros do proxecto. Nese marco presentarase o “Manifesto por unha Embaixada Galega”, impulsado por galegos/as emigrantes e fillos/as de emigrantes que se queren ver “representados e representadas como parte fundamental da identidade galega, desde a lonxanía xeográfica que impón o transfondo migratorio”.

Na primeira xornada tamén intervirán autores e autoras como María Alonso, Xavier Queipo, Helena Miguélez-Carballeira, Alejandra Plaza, Xosé Núñez Seixas, Inma Gil Rosendo e Begoña González. Ademais, celebrarase o “Galicia Film Forum”, con proxeccións de curtametraxes e posterior coloquio cos directores Adriana Páramo, Álvaro Gago, Eloy Domínguez Serén e Hugo Amoedo.

ONDA refractaria e ONDA soante
A xornada do sábado 21 levará por lema “ONDA refractaria” e arrancará coa presentación do libro colectivo Onda Poética. No volume, de Edicións Positivas, teñen participado Óliver Escobar, Ramón Neto, Martín Veiga, Xavier Queipo, Xelís de Toro, Gonzalo Hermo, Isaac Xubín, Carlos Penela, Elías Portela, Alicia Fernández e Lorena Souto, autores e autoras todos/as eles/as emigrados/as.

Tamén están previstas dúas performances no Centro Cívico do Romaño, con Laboratorio (integrado por Xelís de Toro, EdBriggs e Him Sanders) e Riolagares (MisterChoco e Xavier Queipo). A xornada rematará coa Foliada Internacional no exterior do centro, que estará amenizada de xeito informal polas persoas que participan en ONDA.

O programa pecharase o domingo coa celebración da “ONDA soante”. Haberá primeiro unha asemblea aberta para a fundación de ONDA como organización cívica e cidadá con ánimo de continuidade e permanencia, e pecharase o programa con música. Será cos concertos de Xosé Gael, un vigués emigrado en Escocia, e de Ialma, unha formación integrada por catro fillas de emigrantes galegos en Bélxica e que leva 20 anos percorrendo diferentes escenarios de todo o mundo.