As visitas teatralizadas pola fortaleza desenvólvense ás 21.00h. todos os venres ata o 31 de agosto
Como sería a vida no castelo de Moeche aló polos séculos XIV e XV?. A fortaleza mantense case igual que na época do seu maior esplendor -e tamén a máis convulsa-, pero pouco podemos imaxinar do xeito de vida de quen moraron nela… das maquinacións e sucesos que ocorreron entre os seus muros. O castelo pervive e as pedras testemuñan sen falar a apresurada fuxida en 1431 do seu señor, Nuno Freire de Andrade “O Mao”, e tamén dán conta da grande Guerra Irmandiña do 1467. Tras esta segunda revolta civil contra a opresión só quedan na fortaleza dous cómicos que agora fan de anfitrións para o pobo nun castelo completamente baleiro. Esta é, en esencia, a sinopse de “A porta aberta do Castelo de Moeche”, unha visita teatralizada polo recinto da man da compañía Os Quinquilláns que se desenvolve os venres dos meses de xullo e agosto a partir das 21.00h. As entradas teñen un prezo de 3€ e haberá que reservalas previamente chamando ao 981 404 006 ext.2. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as posuidoras do Carné Xove só pagarán 1,50€.
O Castelo de Moeche acaba de ser abandonado por nobres, cabaleiros e servidume. Corre o ano 1467 e só fican dous comediantes abandonados á súa sorte. Os cómicos convértense deste xeito e sen querelo en únicos moradores do castelo e en anfitrións da xente do pobo que queira descubrir os seus segredos. O pasado medieval revívese nunha ruta teatralizada polas principais estancias da fortaleza. Como guías teremos a Tero Rodríguez e Lucho Penabade, Os Quinquilláns, metidos en personaxes daquela época que nos contarán historias reais alí acontecidas e outras fantásticas alí imaxinadas. Historias de nobres e vasalos, de loitas, de misterios e episodios dos tempos “d’algún día”… unha aventura, en definitiva, que nos traslada directamente ao século XV.
Formar parte desta experiencia interactiva a medio camiño entre o humor e a recreación histórica é ben doado. O Concello programou as visitas teatralizadas para todos os venres ata o 31 de agosto. A viaxe ao pasado comezará ás 21.00h. no acceso principal do castelo. Cada venres só haberá un pase e o aforo está limitado a entre 30 e 40 persoas. Por iso é importante reservar praza chamando ao 981 404 006 ext.2. e recoller as entradas no propio castelo ata media hora antes do comezo do espectáculo.
A entrada ten un prezo xeral de 3€, aínda que se marcou unha bonificación do 50% para nenas e nenos menores de 16 anos e para persoas maiores de 65. Tamén desfrutará deste desconto quen posúa un Carné Xove en vigor.
As visitas guiadas polos Quinquilláns forman parte da programación cultural e turística do Concello de Moeche de cara ao verán. A iniciativa teatral conta con apoio da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural que, ao longo deste 2018, permitirá traer ao municipio 17 propostas de música, artes escénicas e cine organizadas polo Concello e distintas entidades veciñais.