Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reforza a área de Servizos con cinco traballadores temporais contratados a través de programas da Xunta e a Deputación


Desde hai uns días xa están traballando na brigada de Obras e Servizos as cinco persoas contratadas polo Concello dentro dos programas APROL Rural e PIL, no primeiro caso impulsado pola Xunta de Galicia e no segundo pola Deputación da Coruña. Trátase de dúas iniciativas de integración laboral similares, pensadas para favorecer a empregabilidade de persoas que se atopaban no paro e que, polas súas circunstancias, tiñan dificultades para atopar traballo. Ademais, estes dous plans de emprego teñen como finalidade reforzar o desenvolvemento de traballos relacionados coa limpeza viaria, o adecentamento de espazos públicos ou a realización de pequenas reparacións e mantementos en infraestruturas públicas.

Con cargo ao APROL Rural, o Concello contratou dous operarios co perfil de especialista forestal durante un período de 9 meses a tempo completo. De feito, e de acordo co estipulado nas bases da convocatoria autonómica, desde a semana pasada os dous traballadores xa andan polo territorio facendo traballos de desbroce en puntos onde os tractores municipais non son efectivos, como por exemplo nas beirarrúas do casco urbano ou en pistas que cruzan núcleos poboados.

Esta mesma mañá os dous traballadores estiveron no Camiño Arriba limpando a beira da senda peonil do lugar e, posteriormente, desprazáronse até o pavillón municipal para acondicionar o contorno do pavillón municipal.

Por outra banda, dentro do PIL da Deputación da Coruña tamén empezaron a traballar este luns tres persoas máis, aínda que cunhas condicións en canto a horario e duración dos contratos distinta. E é que, a diferenza o APROL, onde o número de contratos e as tarefas para desenvolver veñen definidas na convocatoria da Xunta, o Programa de Integración Laboral -dirixido a municipios da provincia menores de 20.000 habitantes- outorgoulle a San Sadurniño unha contía de 25.000 euros que o Concello optou por distribuír en tres contratacións para manter o equilibrio entre o maior número posible de persoas beneficiarias, un salario axeitado e unha xornada que permita sacar adiante traballo.

Así, tralo concurso oposición convocado polo Concello, accederon a un posto de traballo temporal un condutor para os camións e outra maquinaria municipal durante 6 meses a tempo completo, xunto cun albanel e un peón que traballarán ao longo de 5 meses cunha xornada de 6 horas diarias.

As tarefas do condutor consisten en guiar no camión do lixo e máis no de obras, ademais de manexar unha das rozadoras municipais para reforzar durante o verán a limpeza da rede de pistas. Os outros dous traballadores temporais estanse ocupando nestes momentos de reparar pequenos desperfectos nas beirarrúas do Casal e do Outeiro e de adiantar “choio” facendo zanxas en dous puntos onde se detectaron fugas da traída de auga municipal.

Tanto o APROL Rural como o PIL da Deputación da Coruña son programas centrados na integración laboral de persoas que, xa sexa por razóns de idade ou pola súa situación persoal ou familiar, teñen ou tiveron até o momento dificultades para atopar un traballo remunerado. Ademais, tanto un plan coma o outro, tamén buscan facilitarlles aos municipios o reforzo das súas propias brigadas de obras ou servizos sen que supoña custo algún para as arcas municipais, posto que as subvencións asignadas cobren tanto os salarios como os custes de seguridade social.