Dirixido a maiores de 6 anos, terá lugar o sábado 21 de xullo
O Concello de Noia convoca a segunda edición do Descenso en Kaiak do Río Tambre, que terá lugar o vindeiro sábado 21 de xullo. Unha actividade gratuíta dirixida a veciños e veciñas a partir dos 6 anos, que terán que inscribirse dende hoxe mércores no primeiro andar da Casa do Concello de Noia. Os nenos e nenas deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
O concelleiro de Deportes, Ramón Santos, explica que con esta convocatoria “cumprimos o noso compromiso de consolidar esta actividade, pensada para toda a familia, e de tratar de mellorala para convertela nun referente do verán de Noia. Un día para gozar non só co descenso en kaiak, senón de actividades como as tirolinas, o tiro con arco ou as cintas de equilibrio”. Unha iniciativa na que participaron máis de oitenta veciños e veciñas na pasada edición.
O programa da xornada comezará ás 9:30 horas, coa saída dos autobuses de Noia. Entre as 9:30 e as 13:30 horas, os participantes poderán desfrutar de xogos infantís con animadores, tirolina, tiro con arco e slacklines (cintas de equilibrio). Tras o regreso a Noia para o xantar, ás 15:30 volverase saír para realizar o descenso en kaiak do río Tambre, para o cal todos as persoas que participen recibirán tanto o material preciso como unhas explicacións sobre como manexar as embarcacións.
Un descenso no que estarán acompañados pola Cruz Vermella de Noia e integrantes da agrupación de voluntarios de Protección Civil noiesa, que darán apoio loxístico e encargaranse de garantir a total seguridade das persoas participantes na actividade.