O Boletín Oficial da Provincia deste martes 10 de xullo publica o anuncio das bases polas que se rexerá o proceso selectivo para cubrir tres postos de traballo de carácter temporal cos que reforzar a área de Obras e Servizos durante os próximos meses. A convocatoria encádrase no Programa de Integración Laboral da Deputación da Coruña para este ano e, a través dela, ofértanse dous postos de oficial de 2ª -un co perfil de operario de servizos múltiples e outro para guiar na maquinaria municipal- e un de peón, que accederán a contratos de 30 horas semanais. O proceso resolverase mediante concurso-oposición e o principal requisito para optar a algunha das tres prazas é estar en situación de desemprego, aínda que despois hai máis circunstancias específicas definidas polo PIL, como por exemplo ter máis de 45 anos, levar no paro máis de dous anos, ter unha discapacidade igual ou superior ao 33%, ser muller, vivir nun fogar onde ninguén teña emprego, etc. As instancias e a documentación acreditativa tanto dos méritos como do cumprimento das condicións poden presentarse no Concello até o mércores 18 de xullo. Este procedemento de contratación vén sumarse aos xa iniciados dentro do APROL Rural e RISGA, cos que tamén se contratarán temporalmente outras dúas persoas.
O Programa de Integración Laboral 2018 da Deputación da Coruña é un plan que forma parte á súa vez do Plan de Emprego Local do ente provincial. O seu obxectivo é dobre. Por unha banda perséguese facilitarlle un posto de traballo temporal a persoas que teñen dificultade para atopar traballo ou que se atopan nunha situación de risco de exclusión social e, por outra, botarlles unha man aos concellos da provincia para que se doten de persoal de reforzo durante parte do ano.
No caso de Moeche a contía da axuda ascendeu a algo máis de 19.000 euros, que supoñen a totalidade dos custes de contratación de tres persoas a 30 horas semanais: un coa cualificación de oficial de 2ª para traballar como operario ou operaria de servizos múltiples durante 4 meses e 15 días e un salario de 1.099,50€ brutos/mes, outro coa categoría de condutora ou condutor maquinista coas mesmas condicións laborais e un terceiro de peonaxe de obras durante 3 meses e medio e unha retribución bruta mensual de 984,98€. Os labores que deberán desenvolver son os propios de cada categoría, como poden ser a colaboración co persoal municipal de Obras en tarefas de limpeza e pequenos labores de mantemento, facer obras de reparación de escasa entidade, rozar espazos públicos, etc. O traballo máis especializado é o do posto de condución do camión e outra maquinaria municipal, para o que se deberá presentar o carné C e mailo Certificado de Aptitude Profesional, mentres que para o contrato de oficial de 2ª de servizos múltiples só se esixe o permiso de conducir tipo B.
O primeiro requisito da convocatoria é o de ter máis de 16 anos e nacionalidade española, dalgún estado da UE ou ser unha persoa estranxeira residente en España. O segundo é que sobre a persoa aspirante non pese ningunha causa de inhabilitación para desempeñar empregos ou cargos públicos. A terceira é que non padeza enfermidades ou defectos físicos ou psíquicos que impidan o desempeño do traballo e, como requisito final, tamén se pide que as persoas que queiran optar a calquera dos tres postos ofertados deben estar inscritas como demandantes non ocupadas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Alén destas, hai unha serie de condicións marcadas polo PIL que tamén se deben cumprir; se non todas, si algunha delas, que serán acumulativas na valoración da fase de concurso: ter máis de 45 anos, ser unha persoa desempregada de longa duración, ter unha discapacidade igual ou superior ao 33%, estar nunha situación de drogodependencia, vivir nun fogar onde ningunha persoa teña emprego, ser familia monoparental, non ter fogar ou ser muller, xa que o paro rexistrado feminino é sensiblemente superior ao dos homes.
O proceso selectivo farase mediante concurso-oposición. Quen queira optar aos postos ofertados deberá achegar a documentación acreditativa de que cumpre tanto os requisitos xerais como os específicos, así como aquela que permita valorarlles os méritos na fase de concurso, como por exemplo a formación ou a experiencia laboral. Por formación relacionada co posto, experiencia laboral e circunstancias persoais poderán obterse ata un máximo de 8 puntos.
A fase de oposición -que conta ata 12 puntos- constará dun exame tipo test con 15 preguntas sobre materias relacionadas con cada posto ofertado, ademais dunha proba de competencia lingüística en galego que non puntuará -só se obterá a cualificación de apta/non apta- e que, en calquera caso, só deberán facer aquelas persoas que non acrediten coñecementos básicos mediante o CELGA 1 ou equivalente.
O temario incluído nas bases establece contidos comúns para cada oferta relativos ao coñecemento do territorio -parroquias e lugares de Moeche e principais vías de comunicación- e, despois, apartados centrados no traballo correspondente a cada unha delas, como son as características de camións e tractores, as súas avarías máis frecuentes e como amañalas ou a seguridade no uso de maquinaria; o coñecemento de ferramentas propias da albanelería, nocións básicas de fontanería, electricidade, xardinería e pintura e da seguridade en obras e, por último, os apeiros utilizados por un peón ou peoa de obras, xunto coas medidas de seguridade básicas que se deberán observar no traballo.
As persoas interesadas en concorrer a esta convocatoria de emprego temporal deberán presentar a correspondente solicitude -figura como anexo das bases que se poden descargar ao pé deste texto- e a documentación esixida no prazo de 8 días naturais contados desde o día seguinte á publicación do anuncio no BOP, de xeito que o último día será o mércores 18 de xullo.
Documentación:
Anuncio publicado no BOP do 10/07/2018 – Ligazón directa ao boletín.
Bases e anexos (incluída a solicitude de participación no proceso) – Arquivo .pdf descargable
Os itinerarios cos Quinquilláns continuarán todos os venres ás 21.00h. até o 31 de agosto
As entradas poden reservarse chamando ao 981 404 006 cun prezo xeral de 3€ e tarifas reducidas nun 50% para mocidade, maiores de 65 anos e titulares do Carné Xove