Saturday 16 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño declara persoas non gratas aos membros da “Manada”


Na sesión tamén se fixaron os festivos locais para 2019 e houbo un intenso debate arredor do IBI e do litixio da Cooperativa

A sesión plenaria do pasado sábado levaba na súa orde do día só un punto para debate e acordo por parte da Corporación, sen contar as cuestións fixas de cada convocatoria relativas á aprobación da acta anterior, a dación de contas sobre resolucións adoptadas e os apartados de mocións, rogos e preguntas, que nesta ocasión volveron capitalizar a maior parte do pleno. Así, os tres grupos municipais apoiaron a declaración como persoas non gratas dos cinco membros do autodenominado grupo “A Manada”, que en 2016 abusaron sexualmente dunha moza durante as festas dos Sanfermíns. Ademais, tamén houbo unanimidade na proposta urxente para marcar como festivos locais en 2019 o martes 5 de marzo -Martes de Entroido- e o 2 de xullo, Santa Isabel. Os temas que xeraron máis controversia entre oposición e grupo de goberno foron o da compensación económica á extinta Cooperativa de Explotación en Común e o proceso de regularización catastral no que se encontra inmerso San Sadurniño.

Logo de aprobar a acta da sesión anterior, o pleno tomou coñecemento das resolucións adoptadas pola alcaldía, entre elas a relativa á delegación de competencias na Xunta de Goberno Local co obxectivo de precisar aínda máis as súas funcións. As novas funcións que asumirá este órgano municipal son a concesión de licencias de obra e instalación, as de primeira ocupación ou as de apertura de establecementos; tamén a concesión de autorizacións para a utilización privativa especial do dominio público, a aprobación de expedientes e a adxudicación de contratacións, o alleamento de bens, a aprobación de ofertas de emprego público, a declaración de situacións administrativas do persoal ao servizo da administración e a análise e estudo -xunto co posterior acordo ou informe, ao respecto de comunicacións doutras entidades e organismos.

O punto central da orde do día, o referido á declaración como persoas non gratas dos membros da “Manada”, comezou coa lectura da parte dispositiva, onde se sinala que a moción é un xeito de sumarse “ao berro cidadán” ante “un feito moi grave”, ademais dunha maneira de expresarlle a “solidariedade e arroupo” á vítima. Os tres grupos votaron favorablemente a moción así como o traslado do acordo á representación legal dos condenados e tamén da vítima, “para que sexa coñecedora do apoio real que ten”. Antes da votación houbo un pequeno rifirrafe entre o alcalde e o portavoz do PP, Manuel Romero, quen asegurou compartir a disconformidade co fallo da sentenza e o descontento cidadán. Porén, Romero apostillou deseguido que “tamén hai outras sentenzas que prexudican aos nosos veciños e que deberían ser explicadas aquí no pleno”. Secundino García dirixiuse ao edil popular pedíndolle que non mesturase ambas cuestións posto que, segundo o alcalde, as manifestacións do portavoz do PP “rozan o ridículo e o insulto”.

O comentario de Romero foi un adianto do que viría despois, na quenda de preguntas. Daquela a concelleira María Belén Trigo tomou a palabra para anunciar que o seu grupo solicitará “coa axuda do PSOE” un pleno extraordinario “para que se explique” a sentenza relativa ao contencioso administrativo por mor da anulación do convenio urbanístico coa desaparecida Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño.

A concelleira tamén preguntou se era correcto o dato que se daba no boletín “Embloque” editado polo BNG de San Sadurniño sobre a contía da indemnización. Secundino García comentou que a misión do pleno non era valorar a folla informativa publicada polo grupo municipal e volveu repasar na súa resposta o historial da cuestión defendendo a actuación tanto do Concello como da entidade -así como a do PSOE, que no seu día apoiou o convenio- para dispor de terras nas que asentar o Centro de Día. O rexedor lembrou, ademais, que a posible indemnización -cifrada inicialmente polo xultado en 504.000€ máis intereses- non pode darse como definitiva polo momento, debido a que a sentenza está recorrida. García criticou a postura da oposición de defender “os intereses ‘dalgúns’, que son uns especuladores e queren poñerse as botas con iso”, engadindo que o grupo de goberno “seguirá negociando ata o último minuto” na liña de manter o espírito orixinal do acordo suscrito coa cooperativa “para facer unha infraestrutura pública, non para un pelotazo urbanístico”.

A este respecto, Belén Trigo inquiriu ao alcalde o porqué de “non negociar antes”, unha pregunta que obtivo resposta inmediata do rexedor indicando que ao remate da vixencia do acordo si se lles fixo chegar aos liquidadores da entidade “unha proposta por escrito”. O alcalde criticou o papel da oposición que, segundo dixo, “ten que fiscalizar o labor do goberno, pero non facerlle o xogo á xente que non está defendendo os intereses dos socios da cooperativa”.

O Partido Popular preguntou tamén se existía algunha débeda con SOGAMA. A secretaria municipal aclarou neste sentido que á entidade xestora do lixo non se lle debía ningunha factura neste momento. A cuestión deu pé para lembrar que o Concello interpuxo un contencioso contra a empresa participada pola Xunta cando, vía lei de acompañamento dos orzamentos, o goberno galego impuxo unilateralmente unha suba dun 30% na factura do tratamento. Un incremento que ía en contra do acordo suscrito co Concello, onde se estipulaba que o recibo só podía subir o que subise o IPC. San Sadurniño e outros concellos levaron o asunto aos tribunais que, ao cabo, fallaron en favor de SOGAMA. “O peixe grande comeu ao pequeno”, dixo Secundino García, apuntando que se a esa demanda se tivesen sumado os grandes municipios “igual a sentenza non sería a mesma e SOGAMA recuaría”.

Debate arredor da contribución
Outro dos puntos que ocupou grande parte do debate plenario foi o do IBI, aínda que tratando dous temas distintos: dunha banda falouse do proceso de regularización que o Catastro está levando a cabo en San Sadurniño e, doutra, sobre as ponencias de valores do imposto. Conceptos que se mesturaron e que non acabaron suficientemente aclarados na sesión, salvo que se coñeza como funciona este imposto ou que se escoite o audio do pleno máis dunha vez.

O debate iniciouno o PP asegurando que “os veciños de San Sadurniño están recibindo unha revisión catastral” e que, a este respecto, “o Concello ten potestade para baixar o IBI nese tanto por cento que varía”, para preguntar seguidamente se o goberno local tiña previsto facer algunha rebaixa. Secundino García respostou afirmativamente: “si, e aprobámolo nunha moción en maio de 2016 por unanimidade entre os tres grupos”.

O alcalde lembrou que daquela xa se deixara claro que o establecemento “do tipo que se estime que é o máis apropiado” se proporía despois de que rematase o proceso de regularización catastral -que non “revisión”, tal e como precisou o edil de Facenda Suso Soto- que se está levando a cabo en San Sadurniño. Un proceso iniciado de oficio polo organismo dependente do Ministerio de Facenda consistente en dar de alta bens que non constaban nas bases de datos catastrais, en boa parte “construcións agropecuarias que antes estaban exentas e que agora terán que pagar”.

A concelleira do PP María Belén Trigo asegurou que na lista da contribución “San Sadurniño é un dos máis caros da comarca”. Unha aseveración que rebateu con firmeza o alcalde acusando a Trigo de mentir: “É falso, invítote a que traias as ponencias de valores”, instou Secundino García.

O matiz do debate estivo en que a ponencia de valores actual de San Sadurniño é de hai 22 anos. De feito, se se compara con outros municipios da volta atopamos que Moeche ten un valor por metro de 500€; Somozas, Cerdido e A Capela, de 475€; As Pontes ten unha ponencia de 385€/m² e, por último, está San Sadurniño con 223 euros/m². Para defender que San Sadurniño seguía sendo o concello coa contribución urbana máis barata, Secundino García puxo de exemplo que “aplicarlle o 0,8 a 200 euros non é o mesmo que aplicarllo a 400” e citou o caso da Capela, onde o coeficiente é do 0,55 “sobre un valor de máis de 400 euros por metro”, mentres que en San Sadurniño é do 0,6 “pero cunha ponencia de 200 e pico” euros por metro. “Estás mentindo se dis que unha casa coma a túa paga menos na Capela que nas Cancelas (Naraío)… estás mentindo”, espetoulle García á concelleira do PP, acusando ademais ao grupo popular de “filosofar con falsedades”.

O debate finalizouno Suso Soto precisando que “non debemos confundir” o concepto de “revisión catastral” co do proceso de regularización que hai en marcha en San Sadurniño para dar de alta bens inmobles que non estaban catastrados. O edil incidiu en que, tan pronto como se saiba o resultado da regularización, o executivo local fará “unha proposta de modificación do IBI” que, segundo Soto, non só se centrará en paliar os efectos do catastrazo, senón que será “máis ampla” ata onde a lei o permita co obxectivo de “beneficiar ás capas máis desfavorecidas da poboación”.

Preguntas veciñais
Na quenda de preguntas do público preguntouse sobre se había axudas para pistas forestais da AGADER. O alcalde aclarou que os fondos desta axencia se tramitan a través do Plan Marco de Camiños Municipais e que nestes momentos se estaba na fase de licitación do proxecto correspondente a 2018, tras xustificar recentemente os investimentos do ano pasado. Os fondos desta anualidade destinaranse a o amaño dunha pista en Lamas e outra en Naraío.

Noutra intervención a mesma persoa interesouse pola posibilidade de que o Concello faga cursos de manexo de carretillas elevadoras e sobre a instalación dunha rampa na piscina municipal para o acceso ao vaso de persoas con discapacidade. Sobre a primeira cuestión Secundino García comentou que ese tipo de cursos de formación homologada non se poderían desenvolver xa que trascenden o marco competencial dun municipio coma San Sadurniño, aínda que outros concellos con máis poboación si dispoñan de centros formativos onde se ofertan ese tipo de cursos.

Á segunda pregunta, a do acceso á piscina para persoas con discapacidade, Secundino García respostou que coa remodelación da área de Corrás se pintaran dúas prazas de aparcamento específicas e que, ademais, o Concello ten xa solicitado un orzamento para instalar non unha rampa, senón un guindastre especial que facilite a entrada e saída do vaso a persoas con mobilidade reducida.