Friday 22 de November de 2024

Máis de 700 persoas participaron na festa do Día do/a Neno/a de Frades, con inchables, tren turístico, xogos, rock e festa da escuma


Máis de setecentas persoas, entre veciños e veciñas de Frades e tamén moita xente chegada de municipios da contorna, ateigaron a piscina municipal de Papucín durante a celebración da décima edición do Día do/a Neno/a. O tempo acompañou durante toda a xornada, o que animou a moitas familias a achegárense ata a piscina municipal. De feito, a pesar de que este ano a piscina estreaba máis prazas de aparcamento, estas víronse desbordadas durante toda a tarde.

A calor fixo que os inchables acuáticos e, sobre todo, a nova piscina infantil fosen as actividades máis demandadas por menores e adultos. Co paso do tempo, tamén foron gañando en usuarios os inchables en terra, sobre todo unha divertida versión do touro mecánico/táboa de surf para os máis pequenos, así como os divertidos xogos populares de “Obradoiro de xogos”, dispostos a carón da cafetería da piscina e que foron realizados tanto por pequenos coma por maiores.

O tren turístico volveu ser un ano máis outra das atraccións máis demandadas e non deixou de dar voltas polo municipio cheo de veciños e veciñas. A súa única parada tivo lugar ás 18:30 horas, coincidindo co espectáculo musical “Brinca Vai 2.0” do músico Paco Nogueiras. Unha actuación compartida por toda a familia, especialmente polos nenos e nenas que non deixaron de cantar os temas de Nogueira, baseados en temas relacionados coa nosa terra como os nomes das árbores, o Entroido, o Apalpador…

Ao rematar a actuación, todos repuxeron forzas cunha merenda cortesía da iniciativa da Xunta de Galicia “Ponlle as pilas ao teu bocata”, na que os pequenos elixían o bocadillo que querían entre diversos ingrediente: atún, queixo, pementos, olivas, sardiñas, tomate, mexillóns… O Concello de Frades achegou unha auga e unha bolsa de lambonadas.

Paralelamente, na zona instalouse o stand da campaña “Galicia recicla”, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e que concienciou aos pequenos sobre a importancia da reciclaxe. Ademais, todos os que se achegaron levaron unha bolsa de tea ou un vaso de agasallo. A festa pechouse preto das oito da noite coa tradicional Festa da Escuma.