Friday 22 de November de 2024

Multitudinaria presentación do libro de Ventoso Mariño sobre os grandes futbolistas da historia de Riveira


Desafiando o partido de cuartos de final entre Bélxica e Brasil, un auditorio municipal totalmente repleto acolleu na a presentación do último libro de Xosé Antonio Ventoso Mariño: “Héroes na néboa”, unha publicación de gran formato repleta de fotografías na que o autor vai tecendo a historia do fútbol local riveirense a través da vida e anécdotas dos seus máis destacados xogadores.

Presentado por Pastor Pastor Rodríguez, o acto vén coincidir co 50º aniversario da fundación do Atlético Riveira e contou coas intervencións do xornalista Domingos Sampedro, de Ramiro Carregal —quen contribuíu a financiar a edición do libro—, do alcalde Manuel Ruiz e do propio Ventoso, quen respaldado pola proxección de imaxes foi desgranando a historia do fútbol local dende os tempos de Sarasquete e Ignacio González Montes, os dous primeiros xogadores do noso concello que aló por finais dos anos vinte e principios dos trinta do século pasado foron capaces de chegar a militar en primeira división.

Ao longo do acto, de case dúas horas de duración, foron saíndo á luz outros grandes futbolistas como os míticos irmáns Parada Alvite (Suco I, quen chegou a xogar co Barcelona de Helenio Herrera, e Suco II, histórico do Celta), José María Bello, que triunfou en Australia; Tura, Lesmes, o propio Manuel Ruiz e moitos outros para finalizar nos irmáns Fran e José Ramón González Pérez, lendas do balompé co Deportivo da Coruña.

Algúns dos homenaxeados estaban presentes e subiron ao escenario para expresar as súas reflexións e vivencias, caso de José María Bello Tura ou José Ramón.

O alcalde Manuel Ruiz entregou obsequios no transcurso do evento a outros persoeiros que dende postos directivos fixeron que o fútbol en Riveira siga a ser o deporte rei, como Manuel Reiriz, Manuel García, Cándido Castro ou Fran Sieira.