Saturday 16 de November de 2024

A Xunta pon en marcha o Proxecto Galitex para apoiar a inserción laboral de 300 traballadores do téxtil da comarca de Ordes a través dun programa á medida dos participantes


Esta iniciativa baséase nun convenio coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia e cos sindicatos CCOO e UXT e contará cun orzamento de 1,2 millóns
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a posta en marcha do Proxecto Galitex para apoiar a inserción laboral de 300 traballadores do téxtil da comarca de Ordes a través dun programa á medida dos participantes.

Esta iniciativa, que se basea nun convenio coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega) e cos sindicatos CCOO e UXT, contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros destinados á reinserción laboral dos traballadores de distintas empresas da zona que se viron abocadas ao peche, coa finalidade de que poidan atopar novos empregos no mesmo sector ou noutras industrias diferentes.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que entre as actividades que se van desenvolver están os obradoiros á carta, a orientación laboral individualizada, os programas de formación e de inserción laboral.

Prevese que un 70% dos beneficiarios potenciais poidan mellorar a súa empregabilidade e que un 45% como mínimo das persoas que se impliquen nos itinerarios completos atopen un traballo.

Feijóo concluíu lembrando que o programa Galitex vén avalado por outros dous proxectos sectoriais nos cales colaboraron os sindicatos e que tamén contaron con financiamento europeo: Empregatex, que se realizou en 2010 tamén para o sector téxtil, logrando reincorporar ao mercado laboral a 245 persoas, o 64% dos participantes; e Empreganav, celebrado en 2012 para persoas desempregadas do sector do metal e o naval, que logrou que 274 persoas conseguisen un posto de traballo, o 61% dos participantes.