Friday 22 de November de 2024

Ana Soneira abre o curso de curso de monitor de fútbol base da RFGF


Desenvolverase ata o 3 de agosto nas instalacións de Vista Alegre

A concelleira de Deportes, Ana Soneira, abriu  o curso de monitor de fútbol base organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) en colaboración co Concello de Ordes. A edil deulles a benvida aos 15 alumnos que participarán nesta iniciativa que se desenvolverá ata o 3 de agosto nas instalacións de Vista Alegre e que constará de 65 horas de formación. Ana Soneira tamén insistiu na predisposición do Concello “á hora de levar a cabo proxectos e cursos deste tipo, xa que redundan positivamente na práctica do deporte entre os máis novos e novas, nos valores que se lles inculcan, así como na calidade do servizo que se lles ofrece ao contar con monitores e monitoras ben preparados”.

Ademais da concelleira no día de onte tamén estiveron presentes Manuel Mosquera, director da Escola Galega de Adestradores; Alexandro Parada, mestre de novas tecnoloxías; e Antonio Fraga, da S.D. Club Órdenes.

As clases, tanto teóricas como prácticas, desenvolveranse maioritariamente de luns a xoves. O obxectivo máis inmediato desta nova convocatoria, a segunda que se desenvolve en Ordes, pasa por completar a formación dos monitores de fútbol base de cara á obtención do diploma federativo. Cada alumno adquirirá os coñecementos e habilidades necesarios para desenvolver o seu labor de maneira profesional, sempre grazas á adquisición dun grao elevado de competencia técnica e profesional.

A titulación expedida vén avalada pola Escola Nacional de Adestradores da Real Federación Española de Fútbol. Ensinanza técnica, adestramento de porteiros, evolución do fútbol, creación de equipos, periodización, filosofía didáctica do fútbol, orientación aos xogadores, psicoloxía, ética deportiva, liderado, xestión do club, tecnoloxía futbolística, regras do xogo, fisioloxía, nutrición e medicina son as materias que se traballarán tanto por parte do corpo de profesionais da propia RFGF como doutros da zona.