Friday 22 de November de 2024

A segunda Comisión de Seguimento do Plan Director do Camiño de Santiago aborda os seus retos e liñas estratéxicas


Nava Castro explicou, ao comezo da reunión, que o Plan conformará un sistema atemporal que garantirá a correcta xestión integral deste ben patrimonial

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na segunda Comisión de Seguimento do Plan Director do Camiño de Santiago na que, ademais de Turismo de Galicia, participaron representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da FEGAMP.

Nesta segunda reunión da Comisión, celebrada esta mañá no Consello Económico e Social de Galicia, a empresa adxudicataria expuxo a proposta de visión do Plan, os criterios clave, os retos aos que se enfronta así como as liñas estratéxicas e as accións prioritarias do mesmo.

Nava Castro explicou, ao comezo da reunión, que o Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, suporá unha ferramenta de xestión para a Xunta de Galicia e unha folla de ruta que marcará as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na nosa comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou que, aínda que o Plan articularase cun horizonte no próximo Ano Santo 2021, os seus retos e as súas liñas estratéxicas conformarán un sistema atemporal que garantirá a correcta xestión integral deste ben patrimonial.

“O Camiño de Santiago posiciona e identifica a marca Galicia no mundo e constitúe un verdadeiro motor de desenvolvemento cultural, turístico e socioeconómico”, sinalou Nava Castro.

Mediante este Plan Director, a contribución do Camiño ao fortalecemento da unidade de marca Galicia, estará baseado en dous piares fundamentais. Por unha banda, a experiencia do peregrino, onde velar pola súa seguridade e pola súa atención ao longo de toda a súa viaxe será prioritario. E por outra, a trascendencia do propio camiño, onde acadar un desenvolvemento sostible social, económico e ambiental, así coma un correcto mantemento, protección e difusión, serán de máxima relevancia para garantir a continuidade dos seus valores no tempo.

En canto aos retos a asumir polo Plan Director os principais serán o eixo de desenvolvemento local, sostible e responsable, a máxima garantía de protección e conservación do Camiño, a excelencia na experiencia do peregrino, a conciencia e posicionamento dos valores esenciais do Camiño, e o Camiño como fortalecedor da marca Galicia.

Crecemento continuado de peregrinos

O Plan Director do Camiño de Santiago ven dado polo espectacular crecemento no número de peregrinos e polo redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional.

No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, un 12,15% mais que no ano anterior, segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino. No que vai deste ano chegaron a Santiago de Compostela 235.441 peregrinos, 21.764 máis que no mesmo período do pasado ano, o que supón un incremento de máis do 10%.