Friday 22 de November de 2024

O Coliseo Noela acollerá mañá xoves unha xornada de portas abertas do II Congreso de Actualización Clínica en Odontoloxía


A veciñanza poderá visitar a exposición comercial, asistir a dúas ponencias do congreso e a unha conferencia especial de Francisco Vázquez, ex embaixador de España na Santa Sede

O Coliseo Noela acollerá do 5 ao 7 de xullo a segunda edición do Congreso de Actualización Clínica en Odontoloxía, un evento organizado polo Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos que reunirá a máis de douscentos expertos. Un evento que dará comezo cunha xornada de portas abertas na tarde de mañá xoves na que os veciños e veciñas que o desexen poderán visitar a exposición comercial do congreso e asistir ata a tres ponencias de xeito totalmente libre e de balde.

O alumnado do Congreso poderá recoller a documentación a partir das 16:00 horas, se ben a primeira ponencia non comezará ata as 16:30 horas. Trátase de “Lanzamento dun produto: do soño á realidade”, a cargo de Sebastián Romero, director xeral de Straumann-España, a quen seguirá “A tecnoloxía que nos converterá en semi deuses? O control do natural polo homo sapiens”, a cargo de Agustín Sánchez, director comercial de Dentsply-Sirona (17:15 horas).

Ás 18:00 horas terá lugar unha visita á exposición comercial no Coliseo Noela, previa á presentación do convidado especial do Congreso: Francisco Vázquez Vázquez, ex embaixador de España ante a Santa Sede. O ex alcalde da Coruña será introducido ás 18:30 horas por Manuel Estévez Saa, profesor da Universidade da Coruña. A partir das 19:00 horas, Vázquez ofrecerá a conferencia “Mi experiencia como embajador en el Vaticano”.