Esta iniciativa contará con 60 medidas desenvolvidas a través de cinco eixos de actuación
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou na rolda de prensa do Consello, a Axenda da competitividade industrial de Galicia para os próximos seis anos, que prevé crear 50.000 empregos e que ofrecerá rebaixas de ata un 50 por cento no solo industrial. “Estamos a falar dunha axenda elaborada pola Consellería de Economía e Industria e que, en coordinación co resto das consellerías, establece as pautas para modernizar, consolidar e ampliar a actividade industrial de Galicia ata 2020, con dous obxectivos: crear 50.000 novos postos de traballo no ámbito industrial; e incrementar o peso da industria no PIB en 6,5 puntos ata acadar que o 20% do PIB sexa provinte da industria galega”, dixo.
Para conseguir estes obxectivos, Feijóo avanzou que esta iniciativa, que contará con 60 medidas desenvolvidas a través de cinco eixos de actuación, centrarase en varios elementos: busca do equilibrio “entre sectores tradicionais e sectores que temos que consolidar no futuro”; xeración de sinerxías e mellora da competitividade nos sectores tradicionais; aposta pola fábrica intelixente e a adaptación das factorías á Industria 4.0; incentivación da cultura da innovación para unha maior competitividade e crecemento; impulso do emprendemento industrial; desenvolvemento de cadeas de valor completas en Galicia; e a consolidación da presenza nos mercados exteriores, atendendo á estratexia de internacionalización da empresa galega.
O titular do Goberno galego afirmou que é a primeira vez que desde a Xunta se presenta un plan industrial con prazos, rigoroso e complementario co resto dos instrumentos económicos.
Sobre este último aspecto, referiuse á RIS3 –a folla de ruta da Comunidade, avalada pola UE e que mobilizará 1.600 millóns, cunha maior intensidade no que se refire a tecnoloxía- e ao novo marco de financiamento europeo 2014-2020, “onde Galicia obtivo fondos europeos a pesar xa de estar en zonas de non converxencia”.
Feijóo aseverou que esta axenda será trasladada aos axentes económicos e sociais para buscar o máximo consenso. E terá como retos: modernizar a nosa industria a través da innovación; establecer novas fórmulas de produción que impulsen a competitividade; facer produtos diferenciados e de calidade; e fixar tecido industrial capaz de recuperar postos de traballo e xerar emprego de calidade.
Neste contexto, o presidente da Xunta destacou, entre as principais medidas, que o Goberno galego ten decidido poñer un millón de metros cadrados á venta –aproximadamente o 30% de todo o solo industrial propiedade da Comunidade- cos seguintes descontos: 50% do prezo actual do metro cadrado de solo industrial en todas as propiedades da Xunta na provincia de Ourense, na provincia de Lugo, Costa da Morte, Ferrolterra e nos concellos limítrofes con Portugal; desconto do 30% no resto de parques industriais propiedade da Comunidade non urbanos; e desconto dun 15% en parques industriais da Xunta en zonas urbanas (polígono de Mos, polígono de Ponte Caldelas, polígono de Santiago e polígono de Morás, en Arteixo).
Cinco eixos de actuación
Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria resaltou que esta Axenda se desenvolverá a través de 5 eixos de actuación -factores territoriais de competitividade, persoas e organizacións, crecemento, innovación e mercados-, co “reto de dotar a Galicia nos próximos anos dunha industria moderna, competitiva, diferenciada, sostible e xeradora de emprego de calidade en Galicia”.
O primeiro destes eixos, explicou busca “impulsar aqueles factores territoriais que nos poden facer máis competitivos”, como a integración das TICs e a loxística, ou a mellora da competitividade enerxética e das telecomunicacións. Para isto, ademais da mencionada rebaixa no acceso ao solo industrial, apostarase pola Formación Profesional Dual, e articularase un mecanismo de vixilancia sobre o entorno normativo.
“O segundo eixo atende ás persoas e ás organizacións na procura dunha formación especializada das primeiras que contribúa a unha maior profesionalización das segundas”, subliñou Conde. Así, impulsaranse focos de emprendemento industrial ou activarase un Programa de Intelixencia Competitiva para fortalecer as organizacións industriais.
A Fábrica Intelixente
En terceiro lugar, a Axenda aposta polo crecemento facilitando o financiamento empresarial. Neste sentido, o titular de Economía e Industria avanzou a creación de novos programas de financiamento entre os que destaca unha liña de apoios que priorizará os proxectos orientados cara á Fábrica Intelixente, así como axudas para impulsar que as empresas gañen tamaño.
O cuarto eixo céntrase na aposta pola innovación, sustentada na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3 que, segundo incidiu Conde, “permítenos pór o acento no camiño cara a Fábrica Intelixente”. Para isto, impulsarase o programa Fábrica Intelixente, que, a través dun concurso, financiará os mellores proxectos presentados dentro do marco da Industria 4.0.
Por último, salientou Conde, o quinto eixo encádrase na internacionalización, aliñándose coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 “na procura de incrementar aínda máis o peso das exportacións na nosa economía”. “Coa colaboración e o traballo de todos, aspiramos a reinventar a nosa industria achegando a Galicia á chamada Industria 4.0, co obxectivo de competir no mercado global e conseguir unha Galicia máis competitiva, máis exportadora e máis eficiente”, concluíu o conselleiro.